+034 986 09 02 04 Domingo 20 de Setembro de 2020

O convenio entre o Concello de Ponteareas e “Humana Fundación Pobo para Pobo” apórtalle ao concello recursos para fins sociais


En virtude do acordo subscrito no ano 2012 polo Concello de Ponteareas con “Humana Fundación Pobo para Pobo”, recolléronse durante o pasado ano 25.000 quilos de roupa e calzado usados, que os veciños depositaron de xeito solidario nos contedores de recollida de roupa e calzado usados instalados por Humana no municipio.

Froito desta colaboración, o Concello recibe de Humana unha compensación económica, que este ano ascende a 2.500 euros, e que desde a Concellería de Servizos Sociais se destinarán á compra de alimentos para distribuír entre as familias e persoas máis necesitadas do noso municipio, actuación prioritaria para o Goberno Local no labor de axuda ás persoas máis desfavorecidas e que, conxuntamente coas restantes actuacións que neste ámbito social e de apoio aos máis necesitados se veñen desenvolvendo desde o Concello, como son o reparto semanal de alimentos, roupas e aparellos, reparto de menús escolares individualizados, axudas de emerxencia social, etc, tratan de paliar o sufrimento das persoas que máis están a notar o impacto da crise.

Desde a Concellería de Servizos Comúns, que dirixe Jesús Cao, quere amosarse a satisfacción polos resultados obtidos o pasado ano e que supoñen un forte incremento respecto do ano 2013, froito da solidariedade dos veciños e que, ao mesmo tempo, demostra a sensibilización que os veciños de Ponteares teñen en materia de reutilización e reciclaxe, ao que sen dúbida contribuíron as campañas desenvolvidas e apoiadas desde o Concello en colaboración con organismos como Sogama. Así mesmo, tras estes bos resultados e acollida pola cidadanía, en próximas datas intentará incrementarse o número de puntos de recollida, que no ano 2014 pasaran de 7 a 10, o cal redundará no beneficio da cidadanía e do medio ambiente, así como incrementará as achegas económicas para fins sociais.

Deja un comentario