+034 986 09 02 04 Luns 16 de Decembro de 2019

O CONCELLO DE NIGRÁN ARRANCA ESTE DOMINGO A SÚA PROGRAMACIÓN DE NADAL CON PRETO DE MEDIO CENTO DE ACTIVIDADES ATA O DÍA DE REIS


O acendido do alumeado celebrarase o próximo venres na Praza do Concello coa actuación de Peter Punk e o concerto de Broken Peach
O Concello mantén citas xa tradicionais como a San Silvestre e a rondalla e engade novidades como sendos concertos no Templo Votivo de Panxón, un bingo solidario ou badaladas de fin de ano o día 28
Os máis pequenos son os protagonistas da programación, puidendo gozar de múltiples contacontos, concertos, teatro ou a visita do carteiro real ou Papá Noel aos colexios
Nigrán, 29/11/19.- O Concello de Nigrán arranca co inicio do mes de decembro unha programación especial de Nadal que concentra preto de medio cento de actividades desde este domingo día 1 co mercado dos comerciantes de A Ramallosa en Panxón ata a cabalgata de Reis, o 5 de xaneiro, como punto final. As cinco mochilas vibratorias do Concello estarán a disposición de todas aquelas persoas que as soliciten para garantir así a accesibilidade nos diferentes concertos.
Así, tras celebrar o Día Internacional da Discapacidade o martes 3, o venres 6 de decembro terá lugar o acendido das luces de Nadal na Praza do Concello coa actuación de Peter Punk e o concerto posterior da banda feminina de rock&Soul Broken Peach. Ao día seguinte celebrarase unha das novas iniciativas do Concello neste Nadal, un bingo solidario no Auditorio Municipal co concerto posterior de Argonat Band. Non será a única novidade na programación, o Concello ofrecerá sendos concertos no Templo Votivo do Mar en Panxón (‘Il Bimbi Appassionati’ e o grupo de música antiga ‘I Colori dell’Armonía’ o domingo 8 e a Coral Novos Aires o sábado 21) ou unha gala de teatro o día 28 e outra de Afaga o día 27, ademais, colaborará cos comerciantes na celebración das 12 badaladas o mediodía do 28 na Alameda de San Campio.
Como é preceptivo nestas datas, os nenos serán os protagonistas na programación non só na Cabalgata do día 5 de xaneiro, se non moi especialmente durante o periodo de vacacións escolares. O Concello, ademais de organizar a ludoteca de Nadal e ofrecer a visita dos paxes reais ou Papá Noel a tódolos colexios e a Praza Rosalía de Castro e Auditorio, ofrecerá diferentes sesións de contacontos os días 27 de decembro e venres 3 de xaneiro, e os musicais ‘A voar’ de Cé Orquestra Pantasma o domingo 29 e ‘Pedro e o lobo’, de Prokofiev, o xoves 2. Novamente, prográmase unha excursión a Perlim o xoves 26 (inscrición previa do 16 ao 20 de decembro) e o colexio Humberto Juanes realizará dous festivais solidarios o xoves 19 e venres 20.
Citas xa tradicionais como o baile de maiores (día 15) ou o pasarrúas da Rondalla de Parada (martes 24) e o concerto de corais (día 14) mantéñense na programación un ano máis xunto aos papanoeles surfeiros ou moteiros os dous o día 22 e o cine-club Alice Guy o 19.
No eido deportivo, os clásicos torneos solidarios multiplícanse co ‘Encesta un alimento’ do C.B. Nigrán (21 e 22), fútbol-sala (27, 28 e 29) e patinaxe (20) no Pavillón, o de xadrez Laroca no Auditorio (20, 21 e 22) e, finalmente, a carreira San Silvestre organizada polo Concello o sábado 28.
«En definitiva, deseñamos unha programación pensando en todas as idades e en todos os gustos para que ninguén se sinta fora», resume o alcalde, Juan González.

Deja un comentario