+034 986 09 02 04 Domingo 27 de Setembro de 2020

O PARQUE DE ATRACCIÓNS SILLEDA PARK REFÓRZASE ESTE NADAL CON MÁIS PROPOSTAS E NOVIDADES


ESTA QUINTA EDICIÓN CONTARÁ POR PRIMEIRA VEZ CUN SIMULADOR OU UNHA EXPOSICIÓN DE DINOSAUROS ANIMATRONICS, ACUDIRÁN NOVAS PERSONAXES DE DIBUXOS ANIMADOS E EMPLIARANSE ALGUNHAS ÁREAS LÚDICAS, COMO A ZONA GAMING

A Feira Internacional de Galicia ABANCA convértese de novo durante o Nadal nun gran parque de atraccións. Faino, por quinto ano consecutivo, coa celebración de Silleda Park, o cal se reforza nesta edición para conformar unha proposta de lecer aínda máis atractiva que en citas anteriores.

O recinto abrirá as súas portas para gozar do parque durante doce xornadas, do día 20 ao 23 de decembro, do 26 ao 30 do mesmo mes e do 2 ao 4 de xaneiro.

A diversión está asegurada nunha edición na que aumentan as propostas, ademais de incluír novidades. Así, en canto a atraccións, por primeira vez haberá un simulador, a xungla e dous saltamontes, ademais de contar cun dragón, olla, pista de coches infantil, seis inchables, touriño infantil, mini scalextric, tren da bruxa e karting infantil.

A elas sumaranse varias áreas lúdicas, como unha de xogos para os máis pequenos e unha zona gaming, a cal se ampliará considerablemente respecto á pasada edición con máis ordenadores, máis consolas de videoxogos, un maior número de lentes de realidade virtual e varias pantallas xigantes. Tamén haberá pistas deportivas que inclúen fútbol e baloncesto, ademais de minigolf, ping pong e billar. Contará cun xadrez xigante, unha mostra de figuras de ciencia ficción e, por primeira vez, unha exposición de dinosauros. Esta mostrará máis de 30 réplicas a tamaño real, moitas delas animatronics, que reproducen sons e movementos destes réptiles extintos.

Por outra banda, realizaranse diversas actividades, entre elas talleres de maquillaxe e globoflexia e espectáculos diarios de “Que pequegrande é o mundo” con personaxes de debuxos animados que tamén se sacarán fotos cos nenos mentres percorren o parque. Nesta ocasión acudirán novas personaxes. Así, ademais dos Minions, Olaf e Elsa, os Angry Birds ou Peppa Pig, estarán por primeira vez Woody, Jessie e Buzz Lightyear, de Toy Story; Sulley, de Monstros S.A, e tamén o superheroe Iron Man.

A toda esta oferta, que se irá actualizando en www.feiragalicia.com/silledapark, engádese a comodidade de celebrarse nun pavillón con gran amplitude, climatización e servizo de restauración.

A entrada xeral contará cun prezo de 6€ por persoa e día (tanto para nenos como para adultos). Se se presenta en taquilla un dos miles de flyers promocionais que repartirá a organización, o prezo será de 5€, un desconto que non será acumulable ao resto de descontos establecidos no parque e require da presentación dun flyer por cada persoa á que se efectúe a redución do prezo. En canto a grupos de dez persoas ou máis, con reserva previa o prezo será de 4€ por persoa.

O horario do parque estenderase en todas as xornadas das 16.30 h ata as 21.30 h.

Fase final do torneo autonómico de League of Legends

A Xunta de Galicia organizará a fase final do primeiro torneo autonómico do videoxogo League of Legens ( LOL) os días 21 e 22 de decembro no recinto, coincidindo con Silleda Park.

Competirán os 16 equipos que se clasifiquen para estas finais nas fases iniciais do campionato, as cales se está disputando estes días nos Espazos Xoves da Xunta.

O día 21 levarán a cabo os oitavos de final. O 22 pola mañá serán os cuartos de final e as semifinais, mentres que pola tarde será a gran final, na que o equipo gañador resultará ser o mellor de tres partidas.

Esta fase final do I torneo autonómico de League of Legends será aberta ao público, que poderá seguir a competición na pantalla do escenario principal. A conexión a internet e os equipos informáticos que se empregarán durante esta fase final serán subministrados pola compañía R.

Deja un comentario