+034 986 09 02 04 Luns 16 de Decembro de 2019

A CIDADE DEPORTIVA RC CELTA COLOCARÁ A MOS NA VANGARDA DO DEPORTE


O primeiro equipo adestrarase en seis meses nas novas instalacións
As obras da Cidade deportiva RC Celta arrincaron hoxe co simbólico acto de primeira pedra. O evento congregou a preto de mil persoas entre as que se atopaban o presidente do RC Celta; Carlos Mouriño, vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, así como toda a directiva do club e xogadores do primeiro equipo e categorías inferiores.
O inicio das obras permitirá que o primeiro equipo se adestre nas novas instalacións en xullo de 2020 nun proxecto que situará ao Celta como un referente internacional ademais de consolidar un obxectivo primordial para o club: apostar pola formación e investir nunha canteira de xogadores de primeiro nivel que nutra ao primeiro equipo.
Durante o acto desta mañá, o presidente do RC Celta, Carlos Mouriño, asegurou sentirse emocionado porque o proxecto pasase de ser un soño para converterse en realidade. Durante o acto tamén interviron o capitán do equipo, Hugo Mallo, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, ademais do xogador do equipo Benjamín celeste Germán Alonso. O acto contou coa música tradicional do premiado grupo de Mos, Lagharteiras.
Referente do noroeste peninsular
A Cidade deportiva do RC Celta situará a Mos como referente internacional ao ser a primeira de España que contará con amplos espazos para o lecer e unha zona comercial. O proxecto albergará, ademais dos nove campos para categorías profesional e inferiores e un estadio para o filial con capacidade para polo menos 4.000 espectadores, espazos para outros deportes, lecer deportivo e non deportivo, actividades na natureza, concertos e festivais musicais, a Universidade do Deporte, en colaboración coa próxima Universidade de Vigo; así como a creación dun ecosistema vinculado ás ‘starts ups’ tecnolóxicas na contorna deportiva.
Polo momento, as obras que se levaron a cabo nos últimos meses centráronse en preparar o terreo. O proxecto, asinado polos galegos Jesús Irisarri e Guadalupe Piñera, está inspirado de maneira total na propia orografía da zona para respectar o ámbito no que se atopa, con vistas á Ría de Vigo. De feito, o proxecto ten vocación de converterse nun referente de sustentabilidade, xestión de servizos da auga, a terra e a enerxía. En total, deporte, lecer, parque forestal e comercio ocuparán unha gran área na que a Cidade deportiva ocupará 237.000 metros cadrados distribuídos nos nove campos (5 de herba natural e catro, de artificial), o Area-multiusos, edificios de vestiarios, residencia para categorías inferiores, anel comercial, Universidade do Derporte, zonas de ximnasio e spa, a Universidade do Deporte e áreas de tecnificación, restauración e lecer. Outros preto de 150.000 metros cadrados estarán destinados para centro de lecer e comercio onde se situarán as principais marcas de toda Europa. Por último, o proxecto contará con case 300.000 metros cadrados de parque verde forestal de uso público onde só haberá especies autóctonas galegas. O resto da superficie empregarase para mellorar a conexión interna das novas instalacións e da zona, en xeral. Ademais, o proxecto logrará crear 2.000 novos postos de traballo.

Deja un comentario