+034 986 09 02 04 Luns 16 de Decembro de 2019

A XUNTA ANUNCIA NO CULTURGAL UN PROGRAMA DE VISITAS CON ESPECIALISTAS Á EXPOSICIÓN ‘GALICIA, UN RELATO NO MUNDO’


O comisario Manuel Gago Mariño e a historiadora Pilar Cagiao Vila guiarán as primeiras visitas do ciclo ‘Historias na encrucillada’, o 14 e o 21 de decembro
A Consellería de Cultura e Turismo presentou hoxe no Culturgal un avance da programación de inverno da Cidade da Cultura, na que a exposición Galicia, un relato no mundo terá un papel destacado, cun programa especial de visitas comentadas con especialistas. A través do ciclo Historias na encrucillada, todos os sábados pola mañá a partir do 14 de decembro o público poderá mergullarse na mostra dun xeito diferente, afondando nunha etapa histórica ou temática concreta da man de grandes expertos nesa materia. Aspectos como a II Guerra Mundial, as invasións vikingas, a Galicia galaicorromana ou a Idade Media e o Camiño de Santiago serán protagonistas deste programa de visitas, todas elas de balde, que desenvolverá a Cidade da Cultura de aquí ata a clausura da exposición o 12 de abril.

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, foi o encargado de dar a coñecer esta nova actividade para dinamizar a primeira grande exposición da Xunta de Galicia para o Xacobeo 2021. Estivo acompañado de Manuel Gago Mariño, comisario da mostra, e de Alexandre González Rivas, especialista en virtualización do patrimonio e restauración virtual de Xoia Software –empresa encargada dos sistemas interactivos da exposición–.

Precisamente será o comisario de Galicia, un relato no mundo o encargado de inaugurar o sábado 14 de decembro este programa de visitas relatorio cun percorrido polas pezas imprescindibles e as grandes liñas e fitos da mostra. A seguinte quenda será o 21 de decembro da man da historiadora Pilar Cagiao Vila, que guiará aos asistentes coa diáspora galega como pano de fondo. As seguintes citas, guiadas por persoas integrantes do comité científico e colaboradoras do catálogo da mostra, iranse anunciando nos vindeiros meses. Ademais, o comisario da exposición guiará un total de tres visitas ademais da que abre o ciclo. Serán o 25 de xaneiro –baixo o título A viaxe dos símbolos–, o 7 de marzo –centrada no tema Aventuras e conflitos– e o 4 de abril –neste caso unha visita xeral, a poucos días de que se clausure Galicia, un relato no mundo–.

Todas as visitas son de balde e con prazas limitadas, polo que é necesario rexistrarse previamente en cidadedacultura.gal. Están xa dispoñibles as inscricións para as quendas de decembro, mentres que as seguintes iranse abrindo cada mes a través da mesma web.

 

Entradas á venda de ‘Escenas do cambio’
Tamén esta mañá foi presentado no marco do Culturgal o festival de inverno de teatro e arte en acción da Cidade da Cultura, Escenas do cambio 2020, cuxas entradas saen hoxe á venda en www.escenasdocambio.org e cuxa programación tamén se inclúe nas accións culturais de cara ao vindeiro Ano Santo.

Nesta presentación, Anxo Lorenzo estivo acompañado polos integrantes de Pálido Domingo, que xunto a Los Bravú e Quico Cadaval & Celso Sanmartín & ‘Guti’ conforman a representación galega neste festival escénico internacional, no que participan figuras de renome da escena europea como Ula Sickle, Gisèle Vienne, Dorothée Munyaneza ou Eszter Salamon.

Precisamente, o director xeral de Políticas Culturais da Xunta puxo en valor que estas tres compañías galegas aposten por facer estreas absolutas en Escenas do cambio. E incidiu na proxección internacional do mesmo, xa que artistas internacionais de prestixio como Ula Sickle, Eszter Salamon ou Dorothée escollen este festival para presentar por vez primeira en España obras como Relay, M/others e Samedi Détende que están a ter éxito de crítica e público nas súas representacións por Europa.

Todas elas forman parte cartel de dez pezas escénicas, de danza e arte en movemento que poderá verse do 31 de xaneiro ao 8 de febreiro na Cidade da Cultura, e tamén no Salón Teatro e Teatro Principal de Santiago de Compostela, na liña aberta polo festival de seguir estendendo a súa programación por toda a cidade de Compostela.

Mantendo a súa aposta por obras que apelen á conciencia crítica do espectador, neste festival o público poderá converterse en xurado popular nun xuízo ao mesmo Hamlet, no que o xuíz, avogado e fiscal serán profesionais en activo e non actores; enfrontarse ao cruento xenocidio de Ruanda escoitando o relato en primeira persoa dunha sobrevivente; ou afondar na psique dun asasino a través dun espectáculo con ventrílocuo e monicreques.

Deja un comentario