+034 986 09 02 04 Luns 27 de Xaneiro de 2020
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

APROBADO O EXPEDIENTE DE CONTRATACIÓN DO PROGRAMA “DEPO EN MARCHA 2020” DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA


A Xunta de Goberno vén de autorizar ademais o gasto para esta iniciativa no vindeiro ano, que será de 189.000 euros, 33.000 euros máis que neste exercicio

A Deputación de Pontevedra, en Xunta de Goberno, vén de aprobar as bases reguladoras do programa “Depo en Marcha 2020”, para o cal se establece unha contía consignada que ascende a 189.067,04 euros, 33.000 euros máis que no presente exercicio. Trátase dun programa que ten como obxectivo favorecer o avellentamento activo a través de obradoiros de actividades que actúan como espazos de encontro e de intercambio de experiencias, evitando así o illamento e as situacións de soidade das persoas maiores.

Deste xeito, o programa ofrece un total de 130 obradoiros, que poderán verse incrementados en función do prezo da adxudicación por actividade resultante do proceso de licitación que se convoque. Os obradoiros, ademais, terán unha duración de 30 horas e impartiranse en xornadas de entre unha e tres horas á semana.

Os beneficiarios do programa serán as entidades sen ánimo de lucro de persoas maiores, xubiladas e pensionistas da provincia de Pontevedra. Como o programa se dirixe principalmente ás persoas de maior idade, para a súa realización, a entidade solicitante deberá acreditar antes do inicio de cada obradoiro que o 70% do alumnado ten 50 ou máis anos no momento da inscrición.

As solicitudes terán que presentarse obrigatoriamente mediante medios informáticos a través do formulario normalizado que se atopa dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra (https://sede.depo.gal). O prazo de presentación das solicitudes será de 15 días hábiles e comezará a partir do día seguinte ó da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).

Finalmente, o Goberno provincial tamén aprobou o catálogo de obradoiros, que se dividirán en oito temáticas: “Traballando coas mans”, “Entre fogóns”, “Aprendendo da natureza”, “Móvete”, “Activando corpo e mente”, “Enredando”, “Dálle marcha” e “En rede”. O número máximo de prazas de cada obradoiro virá determinado pola súa especialidade e poderán variar entre 20 e 25.

Deja un comentario