+034 986 09 02 04 Luns 16 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

CO MADRIÑADO DE CARMELA SILVA, CULTURGAL  ACOLLE A PRESENTACIÓN DO LIBRO DE DIEGO PIAY  “MARÍA VINYALS, A MULLER DO PORVIR”


“Sete vidas baixo a sombra dun castelo” relata a vida da pioneira feminista que converteu o Castelo de Soutomaior nun centro de cultura, intelectualidade e progreso

Silva anunciou unha nova exposición con material inédito sobre a histórica figura de Vinyals que se inaugurará o 17 de decembro no Castelo de Soutomaior

“Quen sabia de María Vinyals, quen coñecía a María?. Hai unha especie de xustiza poética que nos permite recuperar a figuras históricas como ela. É a de María Vinyals é unha historia case máxica, que naceu da musealización do Castelo de Soutomaior, e de aí as cousas foron xurdindo ata a chegar a un libro tan especial como este”. Con estas palabras, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, amadriñou esta tarde no seo de Culturgal, a presentación pública de “María Vinyals, a muller do porvir. Sete vidas baixo a sombra dun castelo”, un ensaio histórico do historiador pontevedrés Diego Piay, editado por Alvarellos en colaboración coa institución provincial.

A obra, que se publicará en tres idiomas (galego, castelán e inglés), parte dunha profunda investigación e relata a vida da pioneira feminista e a súa familia aportando material inédito, tanto documental, como gráfico e de testemuñas orais. O libro, que repasa polo miúdo as sete vidas que medraron baixo a sombra da fortaleza, en referencias á familia da protagonista, xurdiu da necesidade de aproximar ao público os resultados do exhaustivo estudio do autor que se levou a cabo durante o Proxecto de Musealización do Castelo, promovido pola Deputación de Pontevedra.

Na súa intervención, Carmela Silva, declarou a súa total admiración por María Vinyals,. “Estamos namorados da figura desta muller e coñecela foi unha das cousas mais fermosas que pasounos nestes anos”. A presidenta provincial definiu a Vinyals como unha avanzada da súa complexa época. “Rachou con clichés e estereotipos. Foi unha muller cultísima, escritora, pintora, que se relacionou con todo o mundo da cultura, feminista, viaxeira e progresista. Unha muller rexa como as galegas e que, aínda sendo tan viaxeira, acabou dicindo que nunca atopara un lugar tan fermoso como esta provincia, algo que eu ratificou cen anos despois”.

Carmela Silva agradeceu o seu marabilloso traballo a Diego Piay “como investigador comprometido, creativo e respectuoso, así como a todos e a todas as persoas que tanto traballaron nesta investigación”.

O autor e historiador pontevedrés falou da obra como “un libro nada convencional porque xurde da colaboración de moitas persoas, de moitos lugares como Cuba, Galicia, Madrid, ou Portugal, que cederon documentación vital para esta obra”. “Nunca imaxinei, dixo Piay, que acabaría escribindo un libro de historia contemporánea porque eu son arqueólogo”. O autor relatou a enorme experiencia adquirida desde a musealización do Castelo de Soutomaior. “Aprendín moitísimo. Viaxamos a moitos sitios, tivemos moitas experiencias e coñecín a persoas como Carmela Silva do que son grande admirador, porque sorprendeume moito porque a pesar de todo o seu traballo se interesara tanto sobre esta investigación e colaborara tanto con nós“. Piay avanzou que no libro poderase atopar documentación inédita, fotografías e cartas familiares. “A súa familia son esas outras vidas do Castelo. Na obra falamos de todas elas con María como fío condutor. É unha historiade amor e desamor, amizade, de tristura pero tamén de soños”

Nova exposición no Castelo
A aposta da Deputación por María Vinyals continuará en decembro. A presidenta provincial aproveitou a presentación do libro en Culturgal para anunciar que “a partir do día 17 e durante todo o mes de xaneiro” o Castelo de Soutomaior será escenario dunha nova exposición sobre a súa figura. “Un soño chamado Soutomaior: María Vinyals 1910-1917” será o título da mostra na que, tal e como explicou Silva, abórdase de maneira monográfica os anos nos que Vinyals, o seu segundo marido Enrique Lluria, e os seus fillos/as habitaron no Castelo.

A exposición, na que se amosarán obxectos inéditos ata o momento, estará dividida en catro ámbitos: vida cultural, vida familiar, o sanatorio Lluria e as circunstancias da perda do Castelo. Ademais, haberá paneis explicativos para situar ás persoas visitantes no contexto da época que se pretende ilustrar. Un período no que pasaron polo recinto, políticos, intelectuais ou científicos protagonistas da historia do S.XX.

Deja un comentario