+034 986 09 02 04 Luns 16 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

CARMELA SILVA: “VIOLENCIA ZERO” É UNHA GRANDE IDEA TRANSFORMADA EN ACCIÓN POLÍTICA PARA REVOLUCIONAR O MUNDO CUNHA MIRADA LILA”


A presidenta da Deputación presentou a V edición do programa que levará 25 accións aos concellos da man das mulleres artistas e en estreita colaboración coa mocidade

“Non imos parar ata que a violencia cero deixe de ser un obxectivo contra as violencias machistas e finalmente se converta nun eido de amosar cultura e arte”

“Unha grande idea transformada en acción política, entendendo a política como instrumento para cambiar, para revolucionar o mundo e facelo cunha mirada lila”. Desta maneira, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou hoxe en Culturgal a V edición de “Mulleres en acción. Violencia Zero”, que este ano ten como lema “Sementa Igualdade + Cultiva Cultura = Recolle Cambio”.

Tal e como explicou a presidenta “esta quinta edición supón a consolidación do programa que enche a rúa de reivindicación e activismo e propaga a semente da igualdade”. Deste xeito, a loita contra a violencia machista maniféstase ao través de performances, poesía, danza, música, teatro e graffiti para provocar, co poder transformador da cultura, unha reacción social “cara esa lacra que só poderemos parar entre todas e todos”. Nós non imos parar ata que a violencia cero deixe de ser un obxectivo en contra das violencias machistas e finalmente se converta nun eido de amosar cultura e arte pero sen esa terrible situación coa que nace o proxecto”.

“Poñemos en valor accións protagonizadas polas mulleres da cultura, dixo Carmela Silva, comprometidas cun berro contra a inxustiza máis importante que ten a nosa sociedade: as violencias machistas. Queremos rachar cun modelo que converte as mulleres en vítimas. Pero facémolo con optimismo, sinalou, cunha mirada moi potente, porque si hai algo que ten capacidade de transformar é a cultura”.

Silva, que agradeceu a Paula Cabaleiro, comisaria do programa, “unha idea que fainos ocupar as mulleres os espazos que nos corresponden”, o traballo “incansable” da deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, e “o de todas as mulleres que fan posible este programa”, insistiu en que a desigualdade está na raíz de todo. “A nosa sociedade esta torta, porque todo se mira desde a masculinidade. O 70% das persoas matriculadas en Bellas Artes son mulleres. Teñen as mellores notas e os mellores currículos, pero cando dan o salto á profesionalidade no mundo da cultura a súa visibilización é do 30%”, sinalou. “Iso só se pode explicar desde a lóxica do poder masculinizado, engadiu, un sistema inxusto que non permite que as mulleres, por moi formadas que esteamos poidamos ocupar os espazos”. Nese sentido, a presidenta retou aos promotores culturais “a que aposten para que todos os espazos sexan paritarios porque estamos cansas, queremos compartir o talento das mulleres que está a perder a sociedade”. Silva vinculou ese talento “á revolución cultural que está a vivir Galicia e a provincia, e moito desa revolución ten nome de muller. Por iso temos que estar”, rematou.

V edición de “Mulleres en Acción. Violencia Zero”
“Mulleres en acción. Violencia Zero”, desenvolverá ao longo dos próximos 12 meses 25 novas accións participativas en 25 concellos da provincia. En concreto, amais das performances que tiveron lugar esta semana en Pontevedra e Vigo, o programa chegará en decembro a Lalín e Ponteareas, en xaneiro á Cañiza e Forcarei, en febreiro será a quenda de Crecente e Mos, en marzo chega a Redondela e Cangas, en abril a Cerdedo-Cotobade e Tui, en maio a Mondariz e Pontecesures, no mes de xuño chega a Gondomar e O Grove, en xullo será a quenda de Marín e Vilagarcía de Arousa, en agosto chega a Cambados e Sanxenxo, en setembro ao Porriño e O Rosal, en outubro á Guarda e a Meis, e por último en novembro clausúrase en Moaña.

Como novidade deste ano, a maioría das accións terán fases previas de preparación para favorecer a participación directa da cidadanía. Así, as artistas traballarán de xeito colectivo cos centros escolares e o tecido asociativo da provincia para facer protagonistas das pezas a diferentes públicos. Neste eido, o programa contará con artistas recoñecidas como Silvia Penas, Cris Vilariño, Diana Sieira, Sheyla Fariña, Laura LaMontagne ou Mónica Sueiro, entre moitas outras.

Estes catro anos, “Violencia Zero” desenvolveu 85 accións artísticas contra as violencias machistas que conseguiron visibilizar a case un centenar de artistas e implicaron a milleiros de persoas. Esta iniciativa reivindica a igualdade e promove valores de respecto e sororidade, poñendo en valor a arte e a cultura das mulleres artistas.

Deja un comentario