+034 986 09 02 04 Luns 16 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

MÁIS DE 250 PONTEVEDRESAS REMATAN ESTA SEMANA ACCIÓNS FORMATIVAS DE “CONECTADAS”


Os obradoiros de igualdade da Deputación que rematan esta semana foron desenvolvidos en 14 concellos da provincia

O programa da Deputación de Pontevedra “Conectadas 2019” leva dende finais do mes de agosto poñendo en marcha accións formativas dirixidas a empoderar ás mulleres da provincia mediante a formación. Durante esta primeira semana de decembro porase fin a un total de quince obradoiros que foron realizaron nos concellos de Cangas, A Estrada, A Guarda, Mos, Sanxenxo, Soutomaior, Dozón, O Grove, A Lama, Rodeiro, Valga, Pontevedra, Silleda e Vilagarcía de Arousa.

Este luns 2 de decembro finalizan un total de cinco cursos. No concello de Cangas mulleres da Asociación de Diagnosticad@s de Cancro de Mama finalizarán un curso de “Teatro”, na Estrada veciñas pertencentes á Asociación de Mulleres Rurales Santo Montillon rematarán un curso de “Pilates” e integrantes da Asociación Española Contra el Cáncer de Mos clausurarán o obradoiro de “Taichí” no que estaban participando. O mesmo día, veciñas da Casa Santa María de la Esperanza Esclavas de la Virgen Dolorosa de Mos e da Asociación de Mulleres Rurais Consumidoras e Culturais Santa Tecla da Guarda clausurarán candanseu obradoiro de “Risoterapia”.

O martes integrantes da Asociación de Veciños San Xoán de Dorrón finalizarán un curso de “Horta ecolóxica” no que estaban participando en Sanxenxo. No concello de Soutomaior veciñas da Asociación e Mulleres Rurais Anduriña de Arcade rematarán un obradoiro de “Cociña e alimentación. Hábitos saudables”. Ao día seguinte, o mércores 4 de decembro, clausuraranse un total de cinco accións. En Dozón integrantes da Asociación Mulleres Rurais Pena de Francia finalizarán ao curso de “Ximnasia de mantemento”, mulleres da Cofradía de Pescadores San Martiño do Grove rematarán o obradoiro de “Artesanía en coiro” e veciñas pertencentes á Asociación Cultural San Antonio da Lama porán fin ao taller de “Relaxación e manexo do estrés: momentos en calma”. Este mércores tamén se clausurarán os obradoiros de “Xardinería”, no que tomaron parte veciñas da Asociación de Mujeres Rurais Virxen do Faro de Rodeiro, e o de “Iniciación ao scrapbooking”, no que participaron mulleres da ASDIVALU de Valga.

Por último, o xoves 5 de decembro finalizarán os cursos de “Iniciación á costura”, no que participaron veciñas da Asociación Mulleres Rurais Fervenza do Castelo de Silleda, e de “Alfabetización dixital II: Internet, correo electrónico…”, no que estiveron tomando parte veciñas da Asociación de Mulleres Rurais Illa de Cortegada de Vilagarcía de Arousa. Ademais, tamén rematará o “Obradoiro de mindfulness” no que estaban a participar 18 mulleres da Asociación Española Contra el Cáncer de Pontevedra.

“Conectadas 2019” é un programa provincial que pon o acento na formación, desenvolvendo cursos e obradoiros sobre distintas cuestións para empoderar ás mulleres e dotalas das ferramentas necesarias para construír unha sociedade igualitaria. Amais, esta iniciativa busca favorecer as relacións interpersoais e intercambio de experiencias, contribuír a mellorar a súa empregabilidade e o seu mantemento no mercado de traballo, así como reducir a brecha dixital. Está dirixido a asociacións, federacións e fundacións que traballan para a promoción das mulleres, o seu desenvolvemento, o empoderamento feminino e a consecución da igualdade entre mulleres e homes.

Deja un comentario