+034 986 09 02 04 Luns 16 de Decembro de 2019

A XUNTA APOSTA POLA DINAMIZACIÓN DO SECTOR VITIVINÍCOLA CUNHA ESTRATEXIA PARA MELLORAR O POSICIONAMENTO DOS VIÑOS GALEGOS


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu hoxe á VI Festa do Viño Espumoso da Denominación de Orixe Rías Baixas
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe, durante a inauguración da VI Festa do Viño Espumoso da Denominación de Orixe Rías Baixas, que a viticultura é un sector estratéxico na economía galega pola súa capacidade para xerar emprego e como elemento de dinamización do turismo relacionado co mundo do viño. Ao evento tamén acudiron a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, a directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros.

O Goberno galego traballa nunha Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia para mellorar o posicionamento dos caldos galegos, reforzar a súa imaxe de marca e promocionar os produtos turísticos relacionados co sector. A Administración autonómica investirá arredor de 750.000 euros nesta estratexia conxunta na que participan as consellerías de Cultura e Turismo; Economía, Emprego e Industria; e Medio Rural; coa colaboración das universidades galegas, a Fundación Juana de Vega e representantes do sector.

Alfonso Rueda destacou que a Xunta mantén a súa aposta pola viticultura e, nesta liña na última década destinou case 15 millóns de euros a apoiar aos Consellos reguladores do viño, e promocionar así un sector que da emprego a case 14.000 viticultores e que conta con máis de 450 adegas na nosa comunidade. Un de cada catro produtores e negocios atópanse na denominación de orixe Rías Baixas, que concentra a metade da produción tanto de uva coma de viño en Galicia.
Precisamente para reforzar a proxección exterior dos viños galegos, a Consellería do Medio Rural convocará a vindeira semana novas subvencións por valor de 2,1 millóns de euros co obxectivo de apoiar nos próximos dous anos a promoción do produto en mercados de terceiros países fóra da Unión Europea.
O vicepresidente da Xunta destacou que o futuro do sector de viño en Galicia ten que basearse na profesionalización e na xeración de sinerxías con outros ámbitos como o turismo e a gastronomía para consolidar un negocio que se caracterice pola calidade e a diferenciación.

A Administración autonómica tamén apoia o turismo enogastronómico a través de medidas como a estratexia Galicia Sabe mediante a que se fomenta un turismo sustentable arredor de produtos autóctonos como o viño, así como o financiamento de actividades nas Rutas do Viño nas cinco denominacións de orixe vitivinícolas galegas, nas que a Xunta inviste desde 2018 ata 2021 uns 46.000 euros en cada unha.

Deja un comentario