+034 986 09 02 04 Luns 16 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA CONVÉRTESE NA PRIMEIRA ADMINISTRACIÓN GALEGA EN DESEÑAR A SÚA PROGRAMACIÓN CULTURAL ANUAL PARA DAR CUMPRIMENTO AOS ODS


Carmela Silva presentou en Culturgal as novidades do vindeiro ano e adiantou a creación dunha “Escola de Letras” para “promover o pensamento crítico, xente máis libre e mentes con capacidade para construír historias e poder contar”

A sustentabilidade, accesibilidade, inclusión, igualdade e sinerxia serán os obxectivos transversais de “Voando pola nosa cultura”, a campaña de promoción cultural da Deputación

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou esta mañá no seo de Culturgal a campaña “Voando pola túa cultura”, que recolle baixo o seu paraugas as accións culturais que vai promover a institución provincial ao longo do 2020. A principal novidade desta campaña é vertebrar á cultura como ferramenta para o cumprimento dos ODS pola súa capacidade transformadora, para construír un mundo máis humano. Deste xeito, a Deputación de Pontevedra é a primeira administración de toda a Comunidade Autónoma que deseñou a súa programación anual cun compromiso firme co cumprimento dos ODS.

Unha das grandes novidades para o 2020, tal e como avanzou a presidenta provincial, será a posta en marcha da “Escola de Letras” para “crear pensamento crítico, xente máis libre e mentes con capacidade para construír historias e poder contar”. Neste eido, e nova escola vai dirixida a novos escritores e novas escritoras, impulsando a formación para o uso correcto da lingüística e a redacción a través de actividades formativas.

Tamén se vai apostar por converter á provincia de Pontevedra nun plató de cinema, fomentando a realización de producións cinematográficas no territorio que contribuirá a poñer en relevo a paisaxe natural, urbanística, así como o patrimonio tanxible e intanxible. Deste xeito, ao longo do 2020 traballarase na promoción da produción cinematográfica de empresas audiovisuais que lle dediquen unha especial atención á programación do cinema galega e á difusión de espazos escénicos da provincia de Pontevedra. A terceira gran novidade da programación cultural da Deputación é a aposta pola internacionalización dos e das artistas da provincia, apostando por promover a súa participación en festivais, certames, encontros, intercambios culturais e concursos de ámbito internacional para potenciar o patrimonio musical da provincia.

Ademais, a sustentabilidade, a accesibilidade, a inclusión, a igualdade e a sinerxía serán protagonistas da programación cultural da Deputación pontevedresa para o 2020, en liña cos ODS. Así as accións do goberno de Carmela Silva irán encamiñadas a que a pobreza económica non xere pobreza cultural, en liña co ODS 1 (fin da pobreza), democratizando o acceso á cultura, “que chegue a todos os lugares”, apoiando economicamente a actividade cultural e convertendo ao patrimonio inmaterial e material en fonte de desenvolvemento económico. Nesta liña enmárcase programas como Musigal, Pontegal e o apoio aos festivais musicais e audiovisuais, así como ao teatro e artes escénicas.

As accións culturais da Deputación de Pontevedra serán tamén medioambientalmente sostibles, ben por racionalizar o consumo enerxético, ou por realizarse ao aire libre, impulsando as enerxías limpas ou fomentando os materiais reciclados ou reciclables; tecerán redes coa sociedade, impulsando iniciativas inclusivas e apostando polo espazo público como escenario cultural e de participación. A igualdade será un elemento fundamental, impulsando unha liña cultural “con mirada lila e con voz de muller”, ben da man da Escola de Igualdade María Vinyals, do programa “Mulleres en acción. Violencia Zero”, de “Conectadas”, “Ramonas on Tour”, “Rompe. Xoga en Igualdade” e os premios Sofía Novoa Ortiz para traballos fin de grao e fin de master. “As mulleres en Galicia están facendo a nova revolución cultural no noso pobo e por iso queremos visibilizar ás mulleres, que estean no centro das nosas accións culturais”, asegurou Carmela Silva.

E xunto ás mulleres, a nova programación cultural terá tamén en conta á mocidade. “Temos xente nova moi potente, con moitas ganas de facer cousa e con moito compromiso e imos traballar para facer que estas persoas teñan unha maior participación na vida cultural. Imos escoitar moito á mocidade, para promover actuacións que demandan e convertelos e convertelas en donos e donas da súa propia actividade”. Outra das novidades serán exposicións e obradoiros itinerantes organizados por todos os concellos da provincia e nos que as tradicións e oficios artesanais, as formas de produción dos recursos, a igualdade, a sustentabilidade serán tamén protagonistas das accións culturais: a cestería, a historia das conserveiras e o traballo en lata, a vida en torno aos pazos, as lembranzas dos primeiros cines, o curro de Sabucedo, os Xerais Do Deza, o Carnaval de Vilaboa, a muller e a sustentabilidade do mar, as mulleres na historia, a loita pola igualade, a promoción das embarcacións tradicionais ou Sorrisos Transformadores. Tamén se van impulsar obradoiros e actividades paralelas como “Máis alá do whatsapp hai outros mundos. Faite influencer!” e roteiros literarios, sobre o Barroco, das camelias, rutas de mariqueo e das maceiras en flor, rutas ornitolóxicas, DepoAndainas, etc.

Carmela Silva tamén fixo expresa referencia á lingua. “Somos un pobo creativo e talentoso, con grandes tradicións, e cunha lingua propia que nos da identidade”. Ademais vanse continuar impulsando as áreas museísticas do Museo de Soutomaior e de Sobroso que formará parte da rede de Museos da Deputación de Pontevedra xunto ao Museo Provincial, o Pazo de Liñares e CastroDeza. O mesmo acontecerá coa área de publicacións e a de mocidade, que oferta tamén unha ampla programación cultural a través dos Premios da Xuventude, Novos Valores, Escolas de Música, Deporuarte e un ciclo de contacontos para nenos e nenas centrado na inclusión como eixo de traballo para abordar temas como a xestión das emocións, o acoso escolar, a diabetes, a igualdade de xénero, a diversidade afectivo-sexual ou a integración de persoas xordas.

Deja un comentario