+034 986 09 02 04 Luns 16 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A PROGRAMACIÓN CULTURAL DE DEPUTACIÓN CHEGA ESTE MES A PONTEAREAS, REDONDELA E PORTAS


A exposición “A gaita na música tradicional galega” e a peza dramática “Invisibles” conforman as propostas que se desenvolverán en espazos públicos destes concellos

A Deputación de Pontevedra levará a súa programación cultural neste mes de decembro aos concellos de Ponteareas, Redondela e Portas cunha proposta expositiva, “A gaita na música tradicional galega”, e unha teatral, “Invisibles, de Redrum Teatro. Ambas as dúas actividades serán desenvolvidas en espazos públicos.

Máis polo miúdo, as actividades comezarán este martes 3 de decembro co inicio da mostra “A gaita na música tradicional galega”, que permanecerá na Casa da Cultura do concello de Portas ata o 3 de xaneiro. A inauguración da exposición terá lugar ás 12 horas e o horario de visita será de luns a venres de 17 a 19 horas.

Esta iniciativa repasa a través de dez paneis a historia da gaita desde a súa aparición nun formato rudimentario na antiga Mesopotamia no ano 2000 AC, onde xa se rexistra de unir unha bolsa ou fol a un tubo sonoro, ata a actualidade, con paradas en fitos e cuestións particulares, como a figura do gaiteiro anónimo, o concurso de Ponteareas, a historia da Asociación de Gaiteiros Galegos, ou o único museo dedicado exclusivamente á gaita de fol, como é a Casa da Gaita de Viascón. Do que se trata é de poñer en valor o que se considera o instrumento paradigmático da música galega e de render homenaxe á figura do gaiteiro ou gaiteira.

Doutra banda, a peza teatral “Invisibles” chegará a dous concellos da provincia durante o mes de decembro. Deste modo, o domingo 8 ás 18 horas terá lugar espectáculo dramático da compañía Redrum Teatro no Auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas. O sábado 14 de decembro ás 20 horas será a quenda do Auditorio da Xunqueira, no concello de Redondela.

Este evento ten unha duración aproximada de 90 minutos e poñerá no punto de mira a invisibilidade que sofren os culpables de agresións machistas en contraposición coa exposición á que se ven abocadas as vítimas ante a sociedade. Dirixido por Marián Bañobre, articúlase ó redor da novela homónima de Montse Fajardo e presenta ante o público sete testemuñas reais cun fío común entre elas: a violencia machista. Con todo, “Invisibles” está orientada a un público adulto e adolescente maior de 12 anos e concentra unha gran dose de conciencia crítica, cuestionando deste xeito a realidade que envolve a trama para procurar transformala a través da sensibilización do público con respecto á lacra da violencia de corte machista.

Deja un comentario