+034 986 09 02 04 Luns 16 de Decembro de 2019

A EGAP DESTACA A FORMACIÓN EN INTEGRIDADE INSTITUCIONAL COMO UNHA DAS BASES PARA LOITAR CONTRA A CORRUPCIÓN


A Escola Galega de Administración Pública iniciou hoxe un curso monográfico sobre os sistemas de integridade institucional nas administracións públicas
Esta mañá a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) iniciou un curso monográfico de dous días centrado nos sistemas de integridade institucional nas administracións públicas, ao que asistiron unhas 150 persoas.

O acto de inauguración estivo presidido pola directora da Escola, Sonia Rodríguez-Campos, que destacou a necesidade de promover dentro do sector público unha cultura e un liderado éticos que consigan un compromiso real coa prevención de condutas ilegais ou corruptas. Ademais, lembrou que este compromiso debe ser asumido non só polo persoal directivo, senón tamén por toda a organización e por todos aqueles actores privados que se relacionan coa Administración.

Finalmente, a directora da EGAP destacou o papel que teñen as escolas de formación neste contexto ao ser as responsables de ofrecer cursos actualizados e de calidade que lles permitan aos empregados públicos comprender e poder aplicar correctamente sistemas de prevención de condutas ilegais.

O compromiso da Administración autonómica coa integridade institucional e prevención da corrupción, tivo o seu avance mais relevante no ano 2015 coa aprobación do Programa de impulso democrático, o cal constituíu o punto de partida na adopción de medidas de rexeneración democrática e exemplaridade coa aprobación de cinco leis e 50 medidas no eido da participación cidadá e dos partidos políticos, con medidas de control externo e medidas no ámbito interno do propio goberno e da propia Administración. Supuxo ademais a consolidación legal do Código ético institucional da Xunta de Galicia aprobado no ano 2014, o incremento e reforzo dos niveis de transparencia, o establecemento de obrigas de bo goberno para os responsables públicos, así como as consecuencias xurídicas derivadas do seu incumprimento.

Ademais do anterior, o pasado 16 de novembro de 2018 foi asinado o Protocolo de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Consello de Contas para a implantación e seguimento de plans de prevención de riscos da corrupción no sector público autonómico de Galicia, co obxectivo de que que todas as entidades que integran o sector público autonómico conten cun programa de prevención de riscos da corrupción que defina a política de integridade, unha identificación e valoración de riscos, e o establecemento de medidas correctivas para o seu tratamento.

 

O curso monográfico
O curso monográfico “Os sistemas de integridade institucional nas administracións públicas” terá lugar entre hoxe e mañá na sede da EGAP, en Santiago de Compostela, e convocouse ao abeiro do protocolo asinado entre o Consello de Contas de Galicia e a Xunta de Galicia para a implantación e seguimento de plans de prevención de riscos da corrupción no sector público autonómico de Galicia. Nesta actividade formativa daranse a coñecer os aspectos xerais dos sistemas de integridade no sector público xunto con aspectos máis técnicos vinculados á xestión de riscos nas administracións públicas.

Deja un comentario