+034 986 09 02 04 Luns 16 de Decembro de 2019

O CONCELLO DE CERDEDO-COTOBADE APROBA UN FORMATO MIXTO PARA A XESTIÓN DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR


O persoal municipal, adscrito ao antigo Concello de Cotobade, prestará a atención aos usuarios do sistema básico de libre concorrencia

O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de aprobar a posta en marcha dun formato mixto, que misturará xestión directa e indirecta, para a prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ante a insuficiencia de persoal municipal pertencente a esta área para dar cobertura axeitada a todos os usuarios. Este novo sistema de funcionamento da principal prestación do Departamento de Servizos Sociais vén de ser acordado polo pleno da corporación e estará operativo a partires do vindeiro ano 2020.

Deste xeito, o persoal municipal do SAF, que estaba adscrito ao antigo Concello de Cotobade, vaise encargar da atención de todos os usuarios do sistema básico de libre concorrencia a través dunha xestión directa de carácter público, mentres que os pertencentes ao sistema de dependencia van estar atendidos por unha empresa, que se determinará tras a correspondente licitación dunha concesión do servizo nos vindeiros meses.

O Concello dispoñía ata a data de suficientes efectivos para a prestación global de SAF, pero as limitacións legais para a reposición de persoal municipal impiden incorporar a máis auxiliares sociosanitarios, polo que se vai recorrer a este formato mixto para suplir as restricións en materia de contratación de novos traballadores.

“O Concello valorou a mellor forma de prestar o SAF, porque para nós os Servizos Sociais son da máxima prioridade, e por iso optamos por unha fórmula que é máis cara pero que é a que nos vai garantir mellores resultados na atención aos nosos maiores e dependentes”, explicou o alcalde, Jorge Cubela, que lembrou que co persoal existente e coa cifra de usuarios foise cubrindo axeitadamente o servizo, recurrindo en ocasións a apoios con traballadores en prácticas do Obradoiro de Emprego, pero a situación xa non pode estirarse máis “se queremos ter un SAF de primeira, que é o noso obxectivo”.

Nesta liña, o rexedor lembrou a forte aposta do Concello polos Servizos Sociais, con incrementos anuais de ata o 30% na súa partida ata superar a cifra de 80 euros por habitante cada exercicio e
xestionando coa Xunta o aumento das horas do SAF baixo o réxime de cofinanciamento e concerto ata acadar preto de 30.000 horas anuais de atención.

Deja un comentario