+034 986 09 02 04 Luns 16 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O MUSEO FÍXASE NO EDIFICIO DO CENTRE DE RESTAURACIÓ DE BENS MOBLES DE CATALUÑA COMO EXEMPLO DE XESTIÓN PROFESIONALIZADA


 

A delegación pontevedresa coñeceu hoxe en Barcelona os 4.000 metros cadrados das instalacións abertas pola Generalitat en 2003

Xosé Manuel Rey asegura que o novo inmoble de Valdecorvos debe dar unha resposta de deseño e organización que permitan ao Museo “prestar os servizos demandados hoxendía con calidade”

O Centre de Restauració de Bèns Mobles de Catalunya foi hoxe a primeira parada da delegación do Museo de Pontevedra trasladada a Barcelona co fin de recoller ideas construtivas e de funcionamento para o novo edificio de Arqueoloxía de Valedecorvos.

Segundo explicou o director do Museo Xosé Manuel Rey despois da visita, o edificio catalán está formado por unhas instalacións de 4.000 metros cadrados divididos en diferentes áreas (entrada e intervención de bens, laboratorio e zonas de equipamentos, zonas de divulgación, ademais dunha zona verde para esparcemento dos visitantes) e ten todas as características necesarias para un bo funcionamento. De feito, a pesares de que a Generalitat o abriu hai bastantes anos (2003), supón segundo as súas palabras “un exemplo de xestión profesionalizada para das coleccións”.

Rey explicou que o centro é un referente no que se pode comprobar como debe traballar o coñecemento experto en varias disciplinas (non só en arqueoloxía, senón fundamentalmente en pintura mural ou mobiliario), sendo a súa función principal a conservación e restauración. “Os seus espazos están deseñados específicamente para o seu obxectivo, e aínda que é un centro máis heteroxéneo que o Museo de Pontevedra, pode servir perfectamente de guía”, dixo.

O director do Museo recalcou que a viaxe a Barcelona pretende ilustrar á equipa que vai traballar no proxecto construtivo e de xestión do novo edificio de Valdecorvos. Na cidade condal están, de feito, o propio responsable do Museo; Jesús Aser Fole de Navia Osorio, arquitecto da Deputación que elaborará o proxecto arquitectónico; Rafael María Rodríguez Martínez, arqueólogo que se encargará da definición de áreas funcionais, medición e caracterización da colección, circulacións e protocolos de traballo; así como Óscar Taboada Romero, restaurador que fixará a súa atención na conservación preventiva, nos protocolos de conservación e restauración da colección, no equipamento e medios auxiliares necesarios para o funcionamento.

Para Rey, salvar o colapso da capacidade de almacenaxe, garantir a preservación das coleccións, facilitar a eficiencia na xestión e proporcionar servizos que redunden nun mellor coñecemento dos seus fondos con calidade deben ser os obxectivos do novo edificio pontevedrés.

Na xornada de mañá a visita da delegación pontevedresa seguirá polo Arxiu Arqueològic do Museu d’Historia de Barcelona (MUHBA) e polo Museu del Disseny.

Deja un comentario