+034 986 09 02 04 Luns 16 de Decembro de 2019

ACTIVIDADES PARA TODA A FAMILIA NO NADAL DE PONTEAREAS


Ranchos de Reis, Cabalgata, Obradoiros, Concertos, Humor, Apalpador, Deporte e Cultura… un amplo abano con propostas para tódalas idades
A cidadanía arroupou o acendido oficial da iluminación de Nadal na Praza da Música e ateigou as rúas dende a praza Bugallal para vivir a conta atrás e deixarse levar pola maxia do nadal.
A participación bateu récords para fixar na historia de Ponteareas este arranque de nadal no que a bola xigante de 17 metros de diámetro foi a protagonista. Ao pé dela foron milleiras as persoas que quixeron ser testemuña despois de percorrer as rúas con Troula Animación sendo protagonistas do espectáculo “A luz do camiño”.
Comezou así a programación das festas de nadal nas que non faltarán os obradoiros infantís, a presentación de libros como “La muerte de Marilyn y otros relatos” de Isabel Blanco, contacontos, actividades deportivas únicas como o hóckey Máster 35, as partidas simultáneas de xadrez ou a gala de patinaxe, os monólogos como o de Cándido Pazó , as actuacións das nosas bandas de música e de bandas convidadas como a do conservatorio superior de Vigo, teatro afeccionado e teatro profesional, as propostas do Divernadal, cine familiar e ducias máis para desfrutar en familia.
No marco desta programación de nadal está o día 21 a presentación do noso calendario galego para o 2020 na que os e as fotógrafas participantes transforman a alma de Ponteareas en instantáneas únicas que desvelan recunchos tan máxicos como o nadal.
O apalpador visitará a carpa da praza Maior o xoves 26 ás 19 horas no que tamén se agasallará cunha gran chocolatada para todos e todas.
A pista de patinaxe abrirá as súas portas o día 3 de xaneiro para quedar todo o mes e premiar á clientela do comercio local.
O domingo día 5 será a recepción dos Reis Magos ás 12 horas na Casa do Concello e ás 16:30 horas comezará a animación musical e infantil nas rúas e prazas para que ás 17:30 horas comece a cabalgata tradicional dos Magos de Oriente.
Un ano máis e ante o éxito do ano pasado, o tren da ilusión percorrerá Ponteareas para que todas e todos poidamos pasear e coñecer a nosa vila e as parroquias totalmente de balde.
A segunda edición do Festival Internacional de Danzas de Reis voltará ao auditorio o domingo 22 a partir das 18 horas.
A cidadanía poderá sumarse á iniciativa solidaria dos Taninos Runners que abriron xa a inscrición para a VIII San Silvestre Solidaria que arrancará na praza Maior ás 16:45 do día 31.
A concelleira de Eventos e tenenta de alcalde Cristina Fernández salienta a importancia de ofrecer unha actividade apta para tódolos públicos e nos que poida participar toda a familia ademais de promover as nosas tradicións como as clases de baile tradicional, os Ranchos de Reis ou algúns dos concertos.
A concelleira tamén explica que a programación de nadal, ao igual que o resto da programación cultural de todo o ano, viaxa máis aló do centro urbano e chega ás casas e centros culturais das parroquias.
Tamén como apoio ao comercio e en colaboración coa concellería de Promoción Ecónomica disporase na carpa da Praza Maior actividades para os máis pequenos e pequenas e que as familias poidan facer as súas compras no comercio local.

Deja un comentario