+034 986 09 02 04 Xoves 04 de Xuño de 2020
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

RAFA CABELEIRA E MARÍA OBELLEIRO, PROTAGONISTAS DO FALADOIRO SOBRE XORNALISMO DA AS-PG


O ciclo de conversas continúa mañá mércores día 4 ás 20h no salón de actos do Edificio Administrativo da Deputación

Debaterase sobre o tipo de xornalismo precisa o momento actual e cales deben ser os seus códigos de actuación

“Que xornalismo precisa o momento actual? Cales deben ser os seus códigos de actuación?”. Esas serán dúas das cuestións ás que os xornalistas María Obelleiro e Rafa Cabeleira farán fronte mañá mércores día 4 nunha nova edición do faladoiro organizado pola Asociación Sociopedagóxica Galega AS-PG coa intención de falar de temas de actualidade desde unha perspectiva galega, neste caso do xornalismo vixente e das maneiras de contar a actualidade dende o prisma de diferentes medios de comunicación.

A conversa será ás 20 horas no salón de actos do Edificio Administrativo da Deputación e contará con María Obelleiro, xornalista pola USC, e especialista en igualdade. Desde 2017 dirixe o semanario Sermos Galiza e desde febreiro de 2019, está tamén á fronte da edición dixital, www.sermosgaliza.gal. Foi nomeada directora de Nós Diario, o novo medio en papel que publicará Sermos Galiza a partir de xaneiro de 2020. Foi xornalista en A Nosa Terra e colaborou en Correo Televisión, Radio Galega e Tribuna Catalana. Participou na redacción dos Informes de Literatura do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Recibiu o Premio de Xornalismo Johán Carballeira en 2017.

Pola súa parte, Rafa Cabeleira defínese como “columnista por descarte”. É colaborador habitual en medios escritos como El País, Diario As, Diario de Pontevedra, El Progreso ou a revista cultural Jot Down, e tamén en radio, onde fala nos micrófonos de Onda Cero, Rac1, Radio Marca ou a Radio Galega. É autor do libro Alienación indebida, unha recopilación dos seus artigos máis futboleiros.

O ciclo de conversas organizado pola AS-PG en colaboración coa Deputación está a chegar ao seu fin. De feito, despois do faladoiro de mañá mércores só quedará unha nova xornada de debate. Será a do mércores 11 de decembro, para poñer como tema central ‘As mulleres no mundo do deporte de competición’, da man de Vero Boquete, futbolista profesional, actualmente nas filas dos Utah Royals FC (Salt Lake City, USA) e xogadora profesional en España, Estados Unidos, Rusia, Suecia, Alemania, Francia ou China, para clubes tan importantes como Paris Saint-Germain e FC Bayern Munich. Tamén participará Cristina López Villar, profesora da facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física na Coruña, e integrante dun grupo de investigación con diferentes liñas en torno ao deporte e o feminismo. Entre os seus traballos destaca a publicación do libro ‘Pioneiras do deporte en Galicia’.

 

Deja un comentario