+034 986 09 02 04 Mércores 27 de Maio de 2020
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

CARMELA SILVA ENXALZA A TRAXECTORIA FORMATIVA E PROFESIONAL DE MANUEL GARCÍA CENDÓN, NOVO DIRECTOR DE PRÍNCIPE FELIPE


“É un luxo para esta casa”, asegurou a presidenta da Deputación, quen destacou que “o Príncipe Felipe vai estar nas mellores mans”

 

“O novo director de Príncipe Felipe é un luxo para esta casa”, asegurou Carmela Silva na presentación de Manuel García Cendón como novo director do centro. Para a presidenta, que enxalzou a traxectoria formativa e profesional do novo directivo na súa presentación, “o Príncipe Felipe vai estar nas mellores mans” xa que García ten “unha grande traxectoria e un compromiso coa educación, sobre todo das nenas e dos nenos máis vulnerables”.

A presidenta detallou que “estamos encantadas e encantados” porque Manuel García “cumpre o perfil preciso para dirixir o Príncipe Felipe”. Neste eido, Carmela Silva explicou que é licenciado en Psicoloxía pola UNED, diplomado en Formación do Profesorado pola Universidade de Santiago e técnico superior en prevención de riscos laborais nas súas tres especialidades. A nivel profesional, é persoal laboral fixo no Centro de Menores Avelino Montero dende hai máis de 25 anos, onde tamén foi subdirector, e director do Centro Residencial e Asistencial de Diversidade Psíquica de Redondela.

Carmela Silva tamén explicou o procedemento de libre designación do novo director de Príncipe Felipe, con “requirimentos moi rigorosos e serios para poder participar, entre os que se atopaban o ter a condición de funcionario/a ou laboral fixo, posuír a licenciatura ou grao en Pedagoxía, Psicoloxía, Psicopedagoxía, Pedagoxía, Educación social, Mestre ou Mestra ou estudos análogos relacionados coa educación e experiencia de 5 anos na mesma área funcional nas administracións públicas”. Silva explicou que se deron 15 días de prazo para participar no proceso trala publicación das bases e que, tralo prazo, presentouse un aspirante, Manuel García Cendón, que foi avaliado por funcionarias e funcionarios da Deputación de Pontevedra atendendo á idoneidade da súa candidatura e do proxecto directivo desenvolvido.

 

Pola súa banda Manuel García agradeceu á Deputación “a confianza prestada para facerme cargo do Príncipe Felipe pois é un centro grande, que hai que mirar con moito respecto porque leva facendo unha función moi importante na protección de menores dende fai máis de 40 anos”. Para García o cargo de director de Príncipe Felipe é “un reto profesional que me motiva moitísimo, xa que hai moitas cousas que se poden facer alí”. Entre estas cuestións, o novo director mencionou a necesidade de darlle un pulo social, “porque non creo que haxa un centro similar tan grande en toda a comunidade galega”, e enxalzou o papel socioeducativo e o servizo público que presta de cara ás persoas máis vulnerables.

A presidenta provincial, Carmela Silva, tivo tamén palabras de recoñecemento ao anterior director do Centro, José Ramón Couto, que “tivo que facer fronte a situacións moi complexas e dar saída a moitas cuestións que levaban anos sen se resolver”.

Deja un comentario