+034 986 09 02 04 Luns 27 de Xaneiro de 2020
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

CASE 500 MULLERES REMATAN ESTA PRÓXIMA SEMANA OBRADOIROS DE “CONECTADAS 2019”


A finalidade do programa de igualdade da Deputación é mellorar a formación das mulleres para favorecer as relacións interpersoais e o intercambio de experiencias

O programa da Deputación de Pontevedra “Conectadas 2019” leva dende finais do mes de agosto poñendo en marcha accións formativas dirixidas a empoderar ás mulleres da provincia mediante a formación. Durante esta segunda semana de decembro porase fin a un total de 27 obradoiros nos que estaban a participar 497 mulleres. Estes talleres foron realizados nos concellos de Arbo, Caldas de Reis, Covelo, Dozón, A Estrada, O Grove, A Guarda, Lalín, Marín, Meis, Mos, Oia, Pontevedra, Portas, Rodeiro e Vigo.

Deste xeito, este luns 9 de decembro clausuraranse catro cursos. Serán o de “Cociña e alimentación. Hábitos saudables”, na Estrada, o de “Reciclaxe. Medio ambiente”, ao que acudiron mulleres de Lalín, e os dous de “Alfabetización dixital II: Internet, correo electrónico, manexo da tableta, teléfono intelixente…”, con participantes de Pontevedra e Meis. Por outra banda, o martes 10 de decembro finalizará o obradoiro de “Coidar coidándonos” impartido a veciñas de Marín.

Xa o mércores 15 de decembro rematará o curso de “Teatro” que estaba a ter lugar no Grove, así como na Guarda finalizarán o de “Coidados, dependencia II”. Do mesmo xeito, en Lalín clausurarase o obradoiro de “Poda e tarefas do campo desde a sustentabilidade”, o de “Cociña e alimentación. Hábitos saudables”, e o de “Risoterapia”, que estaba a ser impartido a veciñas de Vigo. Por último, rematarán tamén outros dous cursos en Vigo, un deles sobre “Iniciación á costura” e outro “Obradoiro de mindfulness”.

O xoves 12 de decembro un total de sete obradoiros chegarán ao seu termo. Serán os de “Pintura”, que estaba a ser impartido a veciñas de Arbo, “Risoterapia”, en Covelo, e o de “Reciclaxe. Medio ambiente”, ao que acudían mulleres de Dozón. Ademais, rematarán os talleres de “Relaxación e manexo do estrés: momentos en calma”, que estaba a ser impartido en Marín, “Ximnasia de mantemento”, ao que acudían veciñas de Portas, e dous obradoiros de “Pilates”, en Marín e Pontevedra.

O día 13 de decembro clausuraranse tres cursos deste “Conectadas 2019”. Un deles trataba a “Artesanía en coiro” a veciñas de Caldas de Reis, outro versaba sobre a “Risoterapia”, a el acudían mulleres de Rodeiro, e o último xiraba e torno á “Cociña e alimentación. Hábitos saudables”, en A Estrada.

O sábado 14 rematará o curso de “Musicoterapia”, no que veciñas de Lalín estaban participando, o de “Iniciación ao Patchwork”, ao que acudían mulleres de Mos, o de “Iniciación á costura”, en Oia, e un curso de “Sendeirismo”, do que eran partícipes veciñas da Estrada. Por outra banda, o domingo 15 de decembro tamén rematará outro curso de “Sendeirismo” a mulleres de Vigo.

“Conectadas 2019” trátase dun programa provincial que pon o acento na formación, desenvolvendo cursos e obradoiros sobre distintas cuestións para apoderar ás mulleres e dotalas das ferramentas necesarias para construír unha sociedade igualitaria. Amais, esta iniciativa tamén busca favorecer as relacións interpersoais e intercambio de experiencias, contribuír a mellorar a súa empregabilidade e o seu mantemento no mercado de traballo, así como reducir a brecha dixital. Este programa está dirixido a asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres, o seu desenvolvemento e actuación, o empoderamento feminino e a consecución da igualdade de mulleres e homes.

Deja un comentario