+034 986 09 02 04 Domingo 19 de Xaneiro de 2020
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

“DEPO EN MARCHA” REMATA ESTA PRÓXIMA SEMANA 28 OBRADOIROS COA PARTICIPACIÓN DE 550 PERSOAS


Os cursos, que buscan favorecer o avellentamento activo, desenvolvéronse en vinte concellos da provincia de Pontevedra

Un total de 547 persoas finalizarán esta próxima semana 28 obradoiros enmarcados no programa “Depo en Marcha 2019” que se estaban levando a cabo en vinte concellos da provincia. Este programa está organizado pola Deputación de Pontevedra e ten como obxectivo principal promover o avellentamento activo da poboación.

Deste xeito, este luns 9 de decembro finalizarán un total de seis obradoiros. Serán os de “Ioga”, que se estaba a levar a cabo por 19 persoas de Cangas, “Traballos manuais variados”, no que participaban 17 veciñas e veciños do Grove, e “Internet, correo electrónico e manexo do móbil”, ao que 20 persoas de Vilagarcía de Arousa estaban acudindo. Da mesma maneira, tamén rematarán os dous cursos de “Arte con flores” nos que 25 veciñas e veciños de Nigrán e 21 de Baiona estaban a tomar parte. Por último, o 9 de decembro tamén se porá fin ao curso “Ximnasia de mantemento” a través do cal 15 veciñas e veciños do Rosal practicaban exercicio.

O martes 10 de decembro clausuraranse tres cursos deste “Depo en Marcha 2019”. Serán os de “Conservando a memoria”, no que participaban 19 veciñas e veciños de Pontevedra, “Licores caseiros”, ao que acudían 15 persoas de Salceda de Caselas, e “Pandeireta e canto popular”, que lle foi impartido a 22 veciñas e veciños de Barro.

O día 11 de decembro oito cursos do programa chegan ao seu termo. Serán os dous de “Internet, correo electrónico e manexo do móbil”, que se levaban a cabo por 20 veciñas e veciños de Gondomar e 15 de Baiona, o de “Pilates”, no que estaban a participar 29 persoas de Cambados, e os dous de “Conservando a memoria”, aos que acudían 16 pontevedresas e pontevedreses e 19 viguesas e vigueses. Do mesmo xeito, tamén rematarán o de “Cestería”, que contaba con 15 veciñas de Meaño, o de “Ximnasia de mantemento”, no que participaban 22 mulleres de Poio, e o de “Licores caseiros”, ao que acudían 21 veciñas e veciños de Pazos de Borbén.

Serán un total de nove cursos os que rematarán o xoves 12 de decembro. En concreto catro deles trataron nos últimos meses a “Arte con flores” e neles participaban 25 persoas de Soutomaior, 20 de Tui, e 30 de Vigo, contando este concello con dous destes obradoiros. Finalizarán tamén un curso de “Ximnasia de mantemento”, no que participaban 25 veciñas e veciños de Redondela, e dous de “Cestería”, ambos impartidos en Tui con 22 e 15 participantes cada un. Ademais, rematarán tamén o obradoiro de “Panadería e repostería”, no que participaban 25 persoas de Redondela, e o de “Cociña galega”, do que formaban parte 17 mulleres de Salceda de Caselas.

Do mesmo xeito, o venres 13 de decembro 19 nigranesas e nigraneses rematarán o curso de “Informática avanzada” no que estaban a participar. Pola súa banda, o sábado 14, finalizará o obradoiro de “Plantas medicinais” que estaban a levar a cabo 19 persoas do concello de Oia.

Os principais obxectivos do programa “Depo en Marcha”, promovido pola Deputación, son favorecer o envellecemento activo, optimizar as oportunidades de saúde, participación e seguridade, mellorar a calidade de vida das persoas maiores, establecer relacións sociais e favorecer a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, así como potenciar movementos de participación e cooperación social, promover espazos de encontro e impulsar a independencia das e dos maiores para evitar o illamento e as situacións de soidade.

Deja un comentario