+034 986 09 02 04 Sábado 29 de Febreiro de 2020

O OBRADOIRO DE EMPREGO “FORME 19” FORMA DENDE HOXE A 20 DESEMPREGADOS DE VILAGARCÍA


O xefe territorial de Economía, Emprego e Industria en Pontevedra, Ignacio Rial, inaugurou esta iniciativa coa que desempregados desta localidade recibirán formación cun certificado de profesionalidade e un contrato de traballo
O xefe territorial de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial, xunto ao alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, inauguraron hoxe o novo obradoiro de emprego “Forme 19”, centrado en atención sociosanitaria a persoas e pintura decorativa.

Este obradoiro conta cunha achega por parte da Xunta de Galicia de 336.446 euros e permitirá formar, durante 9 meses, a 20 desempregados de Vilagarcía de Arousa, en dúas especialidades, unha destinada a Atención Sociosanitaria a Persoas no Domicilio e Pintura Decorativa en Construción.

Esta iniciativa trátase dun obradoiro dual que conta, segundo apuntou Ignacio Rial, cun compromiso de contratación por parte de empresarios da comarca de dez alumnos. Durante os próximos nove meses, ademais, levarán a cabo diversas prácticas que permitirán axudar a persoas dependentes do municipio no seu domicilio, así como levar a cabo decoración de diversos espazos públicos e acondicionamento en edificios e instalacións de titularidade municipal.

En Vilagarcía de Arousa, ademais, tamén se puxo en marcha recentemente, un obradoiro de emprego destinado aos máis xóvenes, “Labora Xove 2019”.

Segundo explicou Ignacio Rial, nos últimos anos, case 300 desempregados beneficiáronse de obradoiros no concello de Vilagarcía, entre alumnos, titores, profesores e administrativos. En total, a Consellería de Economía destinou case 2,3 millóns de euros a este fin no concello arousano, onde se desenvolveron obradoiros de atención sociosanitaria, mellora de montes, xardinería, carpintería, páxinas web, dinamización de tempo libre e actividades deportivas.

En total, en Galicia aprobáronse 77 iniciativas cun orzamento de 22,3 M€. Os beneficiarios recibirán formación con certificado de profesionalidade e tamén un contrato de traballo. Na provincia de Pontevedra desenvolveranse 21 iniciativas (15 duais e 6 xuvenís).

Na comarca do Salnés, desenvolveranse 7 obradoiros de emprego, o que permitirá incrementar as oportunidades laborais de 132 desempregados desta área a través dun investimento de 2 millóns de euros.

En concreto, realizaranse 5 obradoiros duais de emprego aos cales se destinarán 1,7M€. Así, aprobouse “Forme 19” de Vilagarcía de Arousa; “Vista Real V” de Vilanova de Arousa; “Ruta Marítima Camiño de Santiago II” de Cambados; “Hostalería do Salnés XI” da Mancomunidade do Salnés e “A Lanzada II” do Grove. Ademais, tamén verase beneficiada esta comarca con dous obradoiros xuvenís para menores de 30 anos: “Labora Xove 2019” de Vilagarcía de Arousa e “Cambados Emprendedor” de Cambados, cun orzamento global de 360.000 euros.

Trátase da segunda convocatoria deste programa mixto de emprego e formación que ten por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten ao alumnado participante a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación para o emprego recibida, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa inserción laboral. A duración dos obradoiros duais será de 9 meses.

Entre os criterios de valoración desta convocatoria destacaron a maior puntuación para os concellos asociados ou resultantes de fusións de dous ou máis municipios, así como para os concellos emprendedores. Tamén se primaron os proxectos que tiveron máis actividades relacionadas coas TIC e coa economía dixital; a relación do proxecto co tecido empresarial do territorio e, nos casos dos obradoiros duais, valorouse o desenvolvemento dun programa de inserción laboral mediante incentivos á contratación laboral durante un mínimo de tres meses a xornada completa.

Os obradoiros de emprego forman parte da Axenda 20 para o Emprego que inclúe, entre os seus obxectivos, mellorar a formación, capacitación e especialización dos traballadores ao longo da vida laboral como panca de cambio. Permite, ademais, actualizar a formación para o emprego nun contexto de aparición de novas ocupacións e transformación ou desaparición doutras.

Deja un comentario