+034 986 09 02 04 Domingo 26 de Xaneiro de 2020

A XUNTA MELLORA O EQUIPAMENTO DO GES DA GUARDA CUN NOVO VEHÍCULO NO MARCO DO PROXECTO DE COOPERACIÓN TRANSFRONTEIRIZA ARIEM+


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, fixo entrega hoxe dun camión tipo Bomba Ligera (BRL) ao Grupo Supramunicipal de Emerxencias
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, entregou hoxe un camión tipo Bomba Rural Ligera (BRL) ao Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) do concello da Guarda co que reforzar o seu equipamento para mellorar a eficacia ante calquera intervención.

Á entrega tamén acudiu o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Marcos Araújo, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.

Este vehículo de primeira saída completamente equipado está valorado en máis de 213.000 euros e dispón dun motor de 280 CV e tracción total 4×4. Tamén conta cunha bomba de impulsión de alta e baixa presión cun depósito de 2.000 litros de auga e de armarios nos que albergar o material necesario para facer unha primeira intervención na extinción de lumes. Ademais, os seus oito focos LED e un mástil de iluminación permiten realizar intervencións en situacións de pouca luminosidade.

A Xunta segue así coa súa folla de ruta para dotar aos servizos de emerxencias de máis equipamento. Así, Alfonso Rueda xa fixo entrega esta semana ao abeiro do ARIEM+ doutro camión tipo Bomba Rural Ligera ao GES de Lobios. Ambas adquisicións enmárcanse no proxecto de Asistencia Recíproca Interrexional en Emerxencias e Riscos Transfronteirizos ARIEM+, unha iniciativa de colaboración que lidera a Xunta co obxectivo de xestionar de forma conxunta os recursos para mellorar a atención e a coordinación das emerxencias nas zonas limítrofes con Portugal.

O Goberno galego coopera con Castela e León e Portugal neste proxecto en materia de emerxencias e riscos transfronteirizos, en torno á prevención e xestión de riscos naturais relacionados co clima e as actividades humanas.

Deja un comentario