+034 986 09 02 04 Venres 28 de Febreiro de 2020

ECONOMÍA DESTINA 176.525 EUROS Á CONTRATACIÓN DE SETE ORIENTADORES LABORAIS NO SALNÉS


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou que a Xunta destinou a este fin no presente ano un total de case 4 millóns de euros dos que 1,1 millón de euros corresponden á provincia de Pontevedra
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou a publicación no Diario Oficial de Galicia das axudas concedidas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para a contratación de sete orientadores laborais na comarca do Salnés.

Grazas a estas axudas, que chegan nesta comarca aos 176.525 euros, cinco concellos e dúas asociacións sen ánimo de lucro poderán contratar a persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral.

Os beneficiados serán os concellos de Vilagarcía de Arousa, O Grove, Cambados, Sanxenxo e Vilanova de Arousa, así como a asociación Bata e a Fundación Lar Pro Salud Mental, ambas con sede en Vilagarcía de Arousa.

Tal e como explicou Cores Tourís, a Consellería destinou este ano para este fin un total de case catro millóns de euros (3.987.650€) dos que 1,1 millón de euros corresponden á provincia de Pontevedra.

Esta orde ten por finalidade axudar as entidades e concellos que prestan servizos de orientación laboral para o emprego así como asistencia para o autoemprego, dirixidas a mellorar as posibilidades de ocupación das persoas demandantes de emprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia. O persoal técnico que sexa contratado terá como obxectivo promover a configuración dunha rede especializada na mellora da empregabilidade e ocupación e destas persoas.

Deste xeito, os orientadores laborais terán, entre as súas funcións, realizar o diagnóstico individualizado do perfil ocupacional da persoa demandante de emprego, o deseño do itinerario personalizado para a súa futura contratación, identificando as súas alternativas profesionais a partir do análise motivado de oportunidades de emprego para o demandante e a identificación da formación e das actuacións de busca activa de emprego segundo o seu perfil.

Deja un comentario