+034 986 09 02 04 Xoves 13 de Agosto de 2020

O Concello de Mondariz intensifica a recollida de alimentos para os máis necesitados


Ademáis de doazóns particulares a través da Operación Quilo, empresas como Darlim contribuíron cunha considerable cantidade de alimentos

O Concello de Mondariz, a través dos Servizos Sociais Comunitarios, vén de organizar a última entrega trimestral de alimentos da Cruz Vermella entre as familias máis necesitadas da vila, arredor de 70. Sen embargo, as significativas datas de Nadal e Aninovo obrigan a intensificar os esforzos para recoller máis alimentos non perecedoiros.

Desde principios de mes está en marcha unha Operación Quilo en lugares como o CPI de Mondariz e diversos establecementos comerciais do centro urbano, pero tamén se están a recibir doazóns de empresas como a porriñesa Darlim, que esta semana entregou máis dun metro cúbico de alimentos, como parte da súa propia campaña de responsabilidade social corporativa nestas datas. «O Concello de Mondariz agradece enormemente este xesto de solidariedade coas familias, moitas delas con menores, que están en situación de necesidade. Finalmente son esos veciños os beneficiarios desta axuda», sinala o alcalde, Xosé Emilio Barros.

A organización e distribución desta axuda alimentaria farase nas novas dependencias da Casa do Concello, un espazo que se rehabilitou recentemente e resulta cómodo e discreto para estas tarefas. A última entrega trimestral de alimentos da Cruz Vermella (preto de 5.000 quilos) xa se fixo nestas novas instalacións e a experiencia foi positiva.

Deja un comentario