+034 986 09 02 04 Venres 28 de Febreiro de 2020

O CONCELLO ELEVA O ORZAMENTO 2020 NUN 10% ATA SUPERAR OS 4.5 MILLÓNS DE EUROS CUNHA FORTE APOSTA POLAS INFRAESTRUCTURAS


A residencia e a Casa da Cultura de Carballedo, a Casa do Pobo de Corredoira, á area fluvial de Cerdedo e os Petróglifos do Lérez aparecen no Plan de Investimentos inicial como principais actuacións
O goberno local de Cerdedo-Cotobade xa ten rematado o seu proxecto de Orzamento Municipal 2020, que ascenderá a 4.516.187 euros tras experimentar un aumento do 9,6% e no que destaca especialmente a forte aposta polas infraestruturas, que duplica a súa partida e supera os 1,1 millóns. Este proxecto de contas vai ser debatido, e aprobado se procede, nun pleno extraordinario fixado para o vindeiro venres 20 de decembro.
Nos capítulos de gastos, destacan especialmente os 1,5 millóns de euros destinados a gastos de persoal, unha cantidade parella á do pasado exercicio e que mantense na ratio recomendada do 33% do orzamento, e case 2,2 millóns de euros para gastos correntes cos que se pretende manter o actual nivel dos servizos públicos.
Ademais, destínanse 583.000 euros como contía inicial do Plan de Investimentos, aínda que dende o executivo adiántase que esta cifra multiplicarase case por dez ao longo do ano ata roldar ou superar os 5 millóns de euros. Entre as principais actuacións recollidas figuran as expropiacións e a redacción do proxecto da residencia de Carballedo, os proxectos da Casa da Cultura da capital municipal e dos Petróglifos do Lérez, a rehabilitación da Casa do Pobo de Corredoira e o inicio do plan especial para a creación dunha gran área fluvial e de lecer en Cerdedo con espazos para o deporte, o esparcemento, a natureza e a hostalaría.
No apartado de transferencias correntes, increméntase fortemente a cifra dende 139.000 a 192.000 euros para favorecer a actividade e dinamismo que outorgan as asociacións á socioeconomía local. Así, a proposta inicial de subvencións contempla 500 euros para a Asociación Astronómica Sirio, 2.000 para cada unha das Anpas (Tenorio, Cerdedo e Carballedo) para a actividade extraescolar de piscina, 1.600 para a Festa da Filloa, 1.600 para a do Requeixo, 400 para o Bolo de Borela, 2.600 para a Festa do Becerro de Viascón, 3.000 para a Fundación Amigos de Galicia, 4.500 para a Banda de Tenorio, 3.500 para a Banda de Cerdedo, 2.000 para Os Trazantes e Foula e 1.000 para Afoutes do Canón de Pau e Os Abrentes.
Ademais, vanse aumentar as partidas destinadas a educación, cultura, deporte, comercio, turismo e medio ambiente para seguir apostando polas iniciativas que se están a desenvolver nestas áreas.
No capítulo de ingresos, a fiscalidade municipal suporá unha recadación global de 1,46 millóns de euros, unha cantidade que se incrementa respecto ao pasado exercicio por mor da actualización da ponencia de valores do Imposto de Bens Inmobles (IBI), que é unha esixencia estatal na que o goberno local carece por completo de marxe de manobra. Ademais, neste apartado prodúcese un descenso moi lixeiro das transferencias correntes pola caída dos fondos procedentes do Goberno Central, que segue sen primar as fusións municipais nin acometer unha discriminación positiva a prol do reequilibrio e dos concellos do interior.

Deja un comentario