+034 986 09 02 04 Martes 25 de Febreiro de 2020

CERDEDO-COTOBADE AUMENTA UN 30% A PARTIDA DE SERVIZOS SOCIAIS PARA DESTINAS 125 EUROS ANUAIS POR VECIÑO


O goberno local inclúe 724.000 euros para Servizos Sociais nos Orzamentos 2020, o que supón o 16% da súa contía total de 4,5 millóns
O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de situar a partida de
Servizos Sociais para o ano 2020 nunha cifra récord de 724.026 euros, tal e como aparece
recollida no proxecto dos Orzamentos Municipais, que será debatido para a súa aprobación no
pleno extraordinario fixado para o vindeiro venres. Esta contía medra en máis de 167.000 euros,
o que supón un 30,1%, con respecto aos 556.000 euros do presente 2019.
Con esta situación, a proposta do goberno que dirixe Jorge Cubela para esta área permite
alcanzar unha cifra media de 124,5 euros por veciño ao ano, o que supón superar o umbral da
“excelencia” en investimento social, segundo os criterios da Asociación Estatal de Directores e
Xerentes de Servizos Sociais.
Ademais, esta cifra vén de duplicarse dende que se producíu a fusión dos territorios de Cotobade
e Cerdedo no ano 2016. “Hai catro anos adicábamos entre 300.000 e 400.000 euros anuais a
Servizos Sociais, que era unha cifra moi importante que nos permitía destinar uns 60 euros
anuais por veciño, pero sempre dixemos que é unha cuestión prioritaria e, como agora
dispoñemos de máis recursos, predicamos co exemplo e duplicamos a partida neste curto
período”, detallou o alcalde, Jorge Cubela.
Deste xeito, a partida de Servizos Sociais nos Orzamentos Municipais 2020 convértese na
segunda máis elevada de todas as contas e supón algo máis do 16% dos 4,51 millóns de euros
que manexará, de inicio, o Concello durante o vindeiro ano.
Paralelamente, Cubela explicou que estes recursos, que se destinan principalmente ao Servizo
de Axuda no Fogar (SAF) e a outros programas de atención para maiores, dependentes e persoas
en risco de exclusión, vanse complementar con outras cuestións referidas a esta área como
poden ser os investimentos iniciais para a residencia de Carballedo, á que se adicarán uns
130.000 euros o próximo ano para a redacción do proxecto e as expropiacións dos terreos, ou ao
remate da nova residencia de Cerdedo, actualmente en obras grazas a un investimento da Xunta
de 1,7 millóns de euros.

Deja un comentario