+034 986 09 02 04 Martes 25 de Febreiro de 2020
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA APROBA O ORZAMENTO 2020 “O MELLOR DA HISTORIA, O MÁIS MUNICIPALISTA E O QUE ASIGNA FONDOS AOS CONCELLOS COMO NUNCA TIVERON”


As contas, que ascenden a 161 millóns de euros, consolidan a redución da débeda dende os 41 millóns do goberno anterior ata os 3,9 millóns “albiscando o horizonte da débeda cero”

A Deputación de Pontevedra aprobou hoxe definitivamente os Orzamentos Xerais do 2020, cualificados polo deputado provincial de Economía e Facenda, Carlos López Font, como “os mellores da historia e os que máis defenden o municipalismo, con 54,4 millóns de euros para os concellos, é dicir, con fondos como nunca tiveron”. As contas provinciais, por unha contía total de 161 millóns de euros saíron adiante cos votos favorables do grupo de goberno (PSdeG-PSOE e BNG) e o voto contrario do PP.
O deputado de Economía e Facenda, Carlos López Font, afeoulle ao PP que o seu voto contrario despois de que foran incapaces de presentar emendas durante o trámite de aprobación inicial e tampouco atoparan ningún motivo para presentar alegacións formal durante o trámite de aprobación definitiva, producido na sesión extraordinaria de hoxe. “En política quen non ten emendas, non ten alternativa”, afirmou Font.
O deputado Font criticoulle á bancada da oposición as súas intervencións “absolutamente carentes de datos” e estruturadas en catro frases de xeneralidades. Font destacou que o Plan Concellos continúa a ser a espiña dorsal dos Orzamentos Xerais 2020 e definiu este modelo de plan único como “a liña divisoria entre o dedo e o caciqueo do anterior Goberno da Deputación e a democracia que caracteriza ao actual”. Aludiu así á diferencia entre os catro plans de obras que existían durante os gobernos do PP e nos que o anterior presidente reservábase un 20% discrecional (ademais das baixas nas adxudicacións) e as asignacións automáticas aos concellos en función da poboación, extensión e dispersión territorial.
Por todos estes motivos, repetiu a pregunta formulada ao PP durante o Pleno de aprobación inicial, celebrado o pasado mes de novembro: “Queren vostedes volver ao modelo anterior? Xa entón non me contestaron e hoxe tampouco o fan, porque saben que iso significaría recibir 10 veces menos fondos”. “Os concellos da provincia de Pontevedra son maiores de idade dende que a actual presidenta, Carmela Silva, puxo en marcha o Plan Concellos o 1 de xaneiro de 2016”, recalcou Carlos López Font. Unha argumentación na que coincidiu o portavoz do BNG, César Mosquera, quen acusou ao PP de “escapar polos cerros de Úbeda” e facer valoracións subxectivas imposibles de rebater. “A pregunta que lles fixo Font é moi pertinente, porque todos nos preguntamos se o PP quere volver ao sistema anterior”. O propio deputado Font retomou a cuestión dirixíndose ao portavoz do PP, Jorge Cubela, ao que acusou de estar “dopado” orzamentario pola Xunta de Galicia: “e aí si que se ve o dedo”.
Font reivindicou a importancia das cifras cando se fala de Orzamentos. Por iso subliñou que o Orzamento Xeral da Deputación creceu dende os 148 millóns de euros (o último aprobado polo PP no ano 2015) ata os 161 millóns actuais. E fíxoo nun marco de continua redución da débeda, herdada en 41 millóns de euros e que quedará ao final de 2020 nos 3,9 millóns de eiros “albiscando o horizonte da débeda cero”. Engadiu que na provincia de Pontevedra hai 942.493 cidadás e cidadáns segundo a última revisión do censo “e dende o primeiro, por orde alfabética, ata o último, forman parte deste presuposto”.
O deputado rematou explicando que os Orzamentos provinciais para 2020 estrutúranse a través dos cinco grandes eixes que marcan as políticas públicas da Deputación e esbozados por Carmela Silva durante a xuntanza que mantivo con tódalas alcaldesas e alcaldes da provincia a principios do mandato. En primeiro lugar falou da Sustentabilidade e Transición Ecolóxica, que dispón de 27,4 millóns de euros. En segundo lugar, a Economía, Innovación e Fomento do Emprego que, cunha suba do 9%, chega aos 10,4 millóns de euros. En terceiro lugar referiu o Avance Sociocultural e Deportivo, con programas dotados con 33,9 millóns de euros. Neste apartado fixo mención a que 35.000 persoas beneficiáronse dos programas de Cohesión Social postos en marcha pola Deputación. En cuarto lugar, centrouse na área de Igualdade, que dispón de 1,4 millóns de euros. Font destacou que a área nin sequera existía con anterioridade, polo que os gobernos provinciais do PP dedicábanlle cero euros. En quinto lugar, o delegado de Economía e Facenda subliñou que a Asistencia Técnica e Económica aos concellos chega aos 54,4 millóns de euros, que se reparten cun modelo de trato igualitario e equilibrado.

Deja un comentario