+034 986 09 02 04 Venres 28 de Febreiro de 2020

O GOBERNO APROBA OS ORZAMENTOS 2020 COA ABSTENCIÓN DO BNG, QUE FIXO SETE PROPOSTAS, E O REXEITAMENTO DO PSOE


Cubela agradece que os nacionalistas valoraran que cinco das súas medidas xa estaban no documento e comprometeuse a estudar as outras
O goberno local de Cerdedo-Cotobade aprobou esta mañá, nunha
sesión plenaria extraordinaria, os Orzamentos Municipais 2020 cos seus nove votos, a
abstención do grupo municipal do BNG, que fixo sete propostas, e o voto contrario do PSOE.
Ao remate da sesión, o alcalde, Jorge Cubela, valorou especialmente que a formación
nacionalista tratara de enriquecer o documento con distintas medidas aceptando deste xeito a
man tendida polo propio rexedor na xunta de voceiros celebrada a pasada semana. Ademais,
agradeceu o seu posicionamento de abstención tras valorar que o executivo tiña incluídas
partidas específicas para cinco das súas propostas e comprometeuse publicamente no pleno a
estudar as outras dúas, referidas ás taxas municipais.
Por outra banda, o grupo socialista limitouse a rexeitar as contas e non presentou, tal e como
lles ofreceu o alcalde, ningunha enmenda susceptible de ser incluída nos Orzamentos, que
ascenderán a algo máis de 4,5 millóns de euros tras medrar un 10%.
“Son unhas contas que reforzarán os servizos públicos, con máis de dous millóns de euros para
eles, e que rexistran fortes partidas en infraestruturas, que se duplica ata os 1,1 millóns de euros,
e en Servizos Sociais, que medran novamente un 30% ata os 724.000 euros e nos permitirán
acadar a excelencia en investimento social con 125 euros anuais por habitante”, detallou Cubela.
O alcalde tamén explicou que en materia de investimentos estas contas “rexistran case 600.000
euros como punto de partida para acadar unha cifra final que posiblemente superará os 5
millóns de euros”. Neste punto, concretou que aparecen partidas para numerosas actuacións e
entre as mesmas figuran, como principais novidades, as expropiacións e a redacción do proxecto
da residencia de Carballedo, os proxectos da Casa da Cultura da capital municipal e dos
Petróglifos do Lérez, a rehabilitación da Casa do Pobo de Corredoira, a humanización e dotación
de servizos na travesía de Tenorio e o inicio do plan especial para a creación dunha gran área
fluvial e de lecer en Cerdedo con espazos para o deporte, o esparcemento, a natureza e a
hostalaría.
Ademais, aumentan as partidas “estratéxicas para o futuro do noso concello”, segundo debullou
Cubela, que son as destinadas a educación, cultura, deporte, comercio, turismo e medio
ambiente para seguir apostando polas iniciativas que se están a desenvolver nestas áreas.

Deja un comentario