+034 986 09 02 04 Martes 25 de Febreiro de 2020

O CONCELLO LICITOU NESTE ANO UNS 30 INVESTIMENTOS E SERVIZOS PÚBLICOS POR MÁIS DE 2,2 MILLÓNS DE EUROS


Os Baños de San Xusto e o Centro Sociocultural de Tenorio, que están a piques de comezar, foron os máis contiosos ao superar os 500.000 euros
O Concello de Cerdedo-Cotobade licitou ao longo do presente
exercicio a través dos correspondentes concursos públicos de procedemento aberto un total de
30 investimentos e servizos públicos por un importe global de 2.237.064 euros, segundo revelou
o alcalde, Jorge Cubela, que explicou que o goberno local optou maioritariamente por este
formato de contratación en aras da transparencia e da igualdade de oportunidades.
“Agás nos contratos menores e urxentes, nos que acometer toda a tramitación administrativa
non é nin operativo nin obrigatorio e nos que se optou basicamente por empresas locais do noso
municipio, vimos de desenvolver unha política de contratación completamente cristalina a
través de procedementos públicos e abertos que son os máis xustos para as empresas e que
ademais son os máis beneficiosos para o diñeiro público xa que hai moita competitividade entre
as firmas interesadas e permite axustar e rebaixar moito os custos”, detallou o rexedor.
As actuacións licitadas polo Concello de Cerdedo-Cotobade ao longo do presente ano 2019
centráronse na mellora da rede viaria municipal, con ata 15 concursos, pero chegaron
practicamente a todas as áreas, xa que tamén se convocaron estes procesos para infraestruturas
deportivas e culturais, servizos públicos, programas sociais, atención xuvenil, parques infantís,
Casas do Pobo, saneamentos, adquisición de vehículos e materiais, accións de aforro enerxético
e dotación de novas tecnoloxías.
Entre todas as obras e servizos inmersos nos concursos públicos do Concello destacan
especialmente pola súa contía, ao rebasar o medio millón de euros, a rehabilitación dos Baños
de San Xusto con 566.000 euros, e a construción do novo Centro Sociocultural de Tenorio, con
511.000. Ambas foron licitadas na recta final do ano e xa están adxudicadas, polo que o seu
inicio é inminente e agárdase para o comezo do novo ano.
Finalmente, Cubela valorou este elevado ritmo inversor da administración local, que se
complementa con outras grandes obras impulsadas pola Xunta, “xa que permite mellorar a
calidade de vida dos veciños con novas infraestruturas e servizos, pero tamén favorecer o
dinamismo, a economía e o emprego, xa que son cartos que repercuten nas empresas e na
sociedade”. Neste senso, indicou que a folla de ruta do goberno local para 2020 vai ir pola
mesma liña e agarda mobilizar máis de 5 millóns de euros, entre investimentos propios e os
procedentes da Xunta, ao tempo que reiterou a decidida aposta polos concursos públicos e a
“absoluta transparencia” nas contratacións

Deja un comentario