+034 986 09 02 04 Venres 28 de Febreiro de 2020

O CAMPO DAS EXTREMAS ACOLLE ESTA FIN DE SEMANA A 24 EQUIPOS NO II TORNEO CUP DE NADAL DE CERDEDO-COTOBADE


Participan clubes das provincias de Pontevedra, A Coruña e Ourense e haberá representación local co E.D.Cotobade na modalidade alevín
O Concello de Cerdedo-Cotobade vai acoller durante toda esta fin
de semana a 24 equipos procedentes das provincias de Pontevedra, A Coruña e Ourense na
segunda edición do seu Torneo Cup de Fútbol Base para o Nadal, que vén de consolidarse tras o
éxito acadado na súa estrea en 2018. A competición celebrarase en dobre xornada, o sábado 28 e
o domingo 29, no Campo Municipal de As Extremas.
Nesta ocasión, a organización optou por repetir as categorías benxamín e alevín, pero aumentou
a participación ata os 12 equipos en cada unha no canto dos oito do ano anterior e cubríu
sobradamente todas as prazas polo gran interese espertado no panorama futbolístico galego.
Deste xeito, tamén aumenta a presenza de xogadores e serán 360 rapaces de canteira os que se
dean cita nesta competición.
Na xornada de mañá disputarase a competición benxamín, con partidos durante todo o día
dende as 9.30 horas e a final programada para as 18.20 horas. O sorteo deparou a presenza de
Lérez B, Marcón, Portas e Ponte Caldelas no grupo A; Lérez A, Ourense, Lalín e Santa Mariña,
no B; e EF Estrada, Conxo, Pabellón de Ourense e Silleda, no C. Os oito mellores pasarán ás
eliminatorias de cuartos de final que acabarán decidindo o título a partido único.
Xa o domingo chegará, cos mesmos horarios e formato, a competición alevín, que terá
representación local coa participación do E.D.Cotobade, encadrado no grupo A con Ponte
Caldelas, Marcón e Amanecer. Pola súa banda, no segundo grupo estarán Lérez, Pontevedra,
Cordeiro e Lalín, mentres que no C competirán Santa Mariña, EF Estrada, Victoria e Pabellón.
O alcalde, Jorge Cubela, que agradeceu a colaboración da Federación Galega de Fútbol a este
evento organizado polo Concello, destacou “o incremento de participación e de equipos e a
consolidación deste torneo como despedida deportiva do ano para os cativos da canteira galega”
e anunciou a intención municipal de seguir apostando por esta competición “para convertela
nun clásico das datas de Nadal, xa que encaixa na nosa filosofía de impulsar o deporte e,
especialmente, o de base”.

Deja un comentario