+034 986 09 02 04 Sábado 29 de Febreiro de 2020

CARAMELOS SEN GLUTE, SEN LACTOSA E PARA DIABÉTICOS ENDOZARÁN A CABALGATA EN PONTEAREAS


A concellería de Eventos adianta que como cada ano a cabalgata sairá do CEIP Fermín Bouza Brey para rematar no auditorio municipal
Os Ranchos de Reis de Guláns, Fozara e Santiago de Oliveira e a banda de gaitas Tremiñado acompañarán ás carrozas arroupadas por espectáculos de animación
O alumnado do bacharelato de Artes do IES Val do Tea realizou a decoración para os vehículos.
A cabalgata dos Reis Magos de Ponteareas agasallará ilusión e caramelos aptos para toda a cidadanía e por vez primeira disporá de caramelos aptos para diabéticos traballando de xeito conxunto coa Asociación de Diabéticos de Ponteareas.
A concellería de Eventos, que dirixe a tenenta de alcalde Cristina Fernández, explica que todos os caramelos que repartirán os Magos de Oriente serán sen glute e mesmo algúns sen glute e sen lactosa.
Para que non haia dúbidas e todas as persoas poidan desfrutar do doce sabor dos caramelos, o concello indica que os caramelos brandos que reparta o séquito real serán sen lactosa e sen glute e os caramelos duros simplemente sen glute pero con lactosa.
“Para chegar a un maior número de poboación e que a cabalgata sexa para o desfrute da máis ampla maioría repartiremos caramelos doados por marcas comerciais e tamén mercados polo concello e todos eles serán sen glute dispondo todos do certificado correspondente, tanto os nosos como os das marcas comerciais”, explica Cristina Fernández.
Ademais, no momento de entrega dos agasallos, que terá lugar no auditorio municipal unha vez remate a cabalgata, as familias con nenas e nenos diabéticos disporán de caramelos aptos para a súa doenza.
Como cada ano a cabalgata dos Magos de Oriente sairá ás 17:30h do CEIP Fermín Bouza Brey para percorrer as rúas Rosalía de Castro, Concha Brey, Constitución, Praza Bugallal, Oriente, Praza Maior, Arxentina, Fdez Vega, Reveriano Soutullo, Praza Bugallal e Morales Hidalgo para logo entrar no auditorio e participar na tradicional entrega de agasallos.
Os coches clásicos, a banda de gaitas Tremiñado e os Ranchos de Reis de Fozara, Guláns e Santiago de Oliveira acompañarán ás carrozas que estarán arroupadas por espectáculos de animación e sempre coa colaboración dos bombeiros locais, do Club Ciclista Ponteareas e dos e das empregadas municipais, de Protección Civil e da Policía Local. Ademais, Cristina Fernández agradece a colaboración do voluntariado e do alumnado do bacharelato de Artes do IES Val do Tea que realizou a decoración para os vehículos.
Cristina Fernández lembra a todos e a todas as pequenas que, ao igual que en anos anteriores, os Magos de Oriente ofrecerán unha recepción previa ás 12 horas do domingo día 5 no concello.

Deja un comentario