+034 986 09 02 04 Sábado 11 de Xullo de 2020

A ÁREA SANITARIA DE PONTEVEDRA E O SALNÉS CONSIDERA AXEITADA A COBERTURA DE ATENCIÓN PRIMARIA NAS LOCALIDADES DO CONCELLO DE FORCAREI


Tanto en Soutelo de Montes coma en Forcarei os cupos de Medicina de Familia e de Pediatría atópanse por debaixo da media de tarxetas sanitarias por profesional con respecto ao resto da área
A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés considera axeitada a cobertura sanitaria de Atención Primaria do Concello de Forcarei tanto na atención de Medicina de Familia coma en Pediatría. Así o revelan os datos oficiais do Servizo Galego de Saúde, que reflicten que a poboación con cobertura sanitaria en Forcarei ascende a 3.430 tarxetas sanitarias individuais -delas, 2.907 corresponden a poboación adulta de máis de 14 anos, e 523 tarxetas sanitarias son de nenos de ata 14 anos-.

Para atender a dita poboación, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés conta neste Concello con 2 médicos de familia en Forcarei -con cupos de 902 e 870 tarxetas sanitarias individuais respectivamente- e 1 médico de familia en Soutelo de Montes con 1.135 tarxetas sanitarias.

Nambas localidades estes tres profesionais de Medicina de Familia asumen cupos moi por debaixo da media de tarxetas sanitarias por médico de familia con respecto ao resto da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, que acada as 1.450 tarxetas.

Cupos de Pediatría moi baixos
Así mesmo, a cobertura sanitaria de Atención Primaria desta área xeográfica conta cun pediatra que atende a 523 nenos dos concellos de Forcarei -204 nenos- e de Cerdedo-Cotobade -319 nenos- cupos practicamente na metade da media de nenos por pediatra da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés que se atopa nos 950 nenos de ata 14 anos.

A pediatra realiza toda a súa xornada os luns e mércores en Forcarei así como media xornada do venres. Así mesmo, realiza toda a xornada os martes e xoves así como media xornada do venres no centro de saúde de Tenorio, en Cerdedo-Cotobade.

As situacións clínicas que non poden ser atendidas en Forcarei ou Tenorio son derivadas ao Servizo de Urxencias ou o Servizo de Pediatría do Hospital Provincial de Pontevedra.

A pesares desta distribución de xornadas de actividade, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés sinala que a pediatra atende aos nenos de ambos concellos calquera día da semana independentemente do lugar onde se preste a asistencia.

 

É dicir, luns e mércores atendería nenos que o precisaran de Cerdedo-Cotobade en Forcarei e os martes e os xoves atendería tamén en Tenorio nenos de Forcarei.

«Paro cero» na especialidade de Pediatría
Desde a Xerencia da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés se lle trasladou á Alcaldesa de Forcarei a situación de «paro cero» na especialidade de Pediatría, un escenario de dificultade común ao conxunto do Sistema Nacional de Saúde que non permite acadar maior cobertura asistencial.

Deja un comentario