+034 986 09 02 04 Domingo 12 de Xullo de 2020

SOUTOMAIOR ENTRA POR PRIMEIRA VEZ NOS MIL CONCELLOS CON MÁIS HABITANTES DE ESPAÑA


Sitúase no posto 73 da lista de concellos galegos e no 970 a nivel estatal

O 2020 trae boas noticias para o Concello de Soutomaior. Por primeira vez desde que existen rexistros oficiais de poboación, o municipio entra na lista dos mil concellos con máis habitantes de toda España. Cos seus 7395 habitantes rexistrados en 2019, Soutomaior se aúpa ao posto 970 do estado e ao 73 entre os concellos galegos.
O pasado 2019 finalizo cun novo aumento de poboación no Concello de Soutomaior de 90 novos veciños, unha tendencia constante desde comezos de século que acaba de supoñer un novo record demográfico para o municipio e a súa entrada entre os mil concellos con máis poboación de España. Desde o ano 2001, momento no Soutomaior contaba con 5298 veciños e situábase no posto 1076 de localidades españolas, a poboación creceu sumando 1997 novos veciños ata os 7395 actuais e situarse no posto 970.
A nivel galego, nun momento no que o peso demográfico descende día a día na gran maioría de concellos, Soutomaior supón unha excepción á tendencia xeral. Nos últimos 20 anos o Concello de Soutomaior rexistrou un aumento de poboación do 37%, o que lle supón un ascenso na lista de municipios galegos pasando do posto 108 ata o 73 actual.
Dos 98 municipios galegos que se situaban entre os mil maiores concellos de España a principio de século, 23 deles perderon o seu lugar ao longo destes vinte anos con dúas únicas incorporacións á clasificación, a do municipio coruñes de Oroso e a de Soutomaior.
Para o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, o constante aumento de poboación responde a diversos factores. “Estar á beira de dous grandes núcleos de poboación axúdanos porque nos permite recibir a moitas familias que traballan fóra, pero prefiren vivir aquí porque a vivenda é moito máis accesible e están só a 20 minutos de Vigo ou Pontevedra. Ademais, teñen case os mesmos servizos e a vida é moito máis tranquila”, destacou o edil.
Do mesmo xeito, Reguera destacou que o crecemento constante do municipio durante os últimos 20 anos “é unha proba evidente de que moitas cousas están a facerse ben e de que Soutomaior é un gran lugar para instalarse e formar unha familia”.
Neste sentido, o alcalde destacou as políticas educativas e de mocidade que leva a cabo o Concello como un dos factores que apoian este crecemento. “Para que as familias decidan instalarse en Soutomaior é importante que vexan que teñen todo o apoio posible, que teña garderías, colexios e institutos para os seus fillos, axudas para o material escolar e o transporte, actividades, excursións… nestas cousas todo o diñeiro gastado é pouco, o importante é apoiar ás familias”, finalizou Reguera.
Poboación estranxeira
Unha das cifras máis destacables da poboación de Soutomaior é o seu alto índice de poboación estranxeira, que conta con ata 30 nacionalidades diferentes. En total son máis de 300 os veciños chegados do estranxeiro, o que se traduce en máis do 4% da cifra total de habitantes.
A principal comunidade é a dos nados no reino de Marrocos, que conta con 114 membros e supón o 1,5% da poboación. A continuación, sitúanse a comunidade portuguesa e a brasileira, con 33 membros cada unha e un 0,44% da poboación total.
En canto aos núcleos familiares. As unidades compostas netamente por veciños de nacionalidade estranxeira ascenden a 64, mentres o número de unidades familiares de nacionalidade mixta sitúase en 96. O número de habitantes estranxeiros maiores de idade sitúase en 173, e en 137 o de menores de 18 anos.
Para o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, estas cifras “son boa mostra da hospitalidade de Soutomaior e dos seus veciños, e é algo que tentamos promover desde o propio Concello con actividades como os clubs de lectura fácil da biblioteca, cos que lles axudamos a iniciarse e mellorar na aprendizaxe dos nosos dous idiomas”, finalizou o edil.

Deja un comentario