+034 986 09 02 04 Venres 28 de Febreiro de 2020

O GOBERNO LOCAL PROXECTA A CREACIÓN DUNHA GRAN ÁREA DE LECER E NATUREZA NA PRAIA FLUVIAL DE CERDEDO


Este ano vaise redactar o Plan Especial de Dotacións para esta contorna, que xa dispón dunha partida de 17.000 euros nos Orzamentos

O goberno local de Cerdedo-Cotobade vén de poñer en marcha un ambicioso proxecto de carácter turístico e natural a través da futura creación dunha gran área de lecer ao aire libre na praia fluvial de Cerdedo e na súa contorna, emprazada ao carón da localidade e aos pés do Monte Seixo.

O executivo dirixido por Jorge Cubela, que traballa nesta idea dende hai algúns meses, vén de dar o primeiro paso para facela realidade coa reserva, nos Orzamentos Municipais 2020, dunha partida de 17.000 euros para a redacción, neste mesmo ano, dun Plan Especial de Dotacións para a realización deste proxecto. Trátase dun proceso administrativo de carácter urbanístico necesario para a súa execución e que ten unhas características similares ao emprendido, e xa rematado, para a construción da Residencia da Terceira Idade de Carballedo.

A idea inicial do goberno local, a expensas das posibilidades e restricións que poida determinar o citado Plan Especial, pasa por reordenar e mellorar todos os espazos existentes na praia fluvial, que xa é un dos principais puntos de interese turístico do municipio e unha zona de baño moi concorrida por veciños e visitantes. Ademais, tamén se pretende a construción de diversas infraestruturas e servizos de lecer, integrados na contorna e respectando o seu valor ambiental, vencellados ao deporte, os xogos e aos hábitos saudables. Finalmente, o proxecto completaríase, posiblemente, con algunha senda que permita conectar e percorrer toda esta área e con espazos e servizos de hostalaría.

O alcalde, Jorge Cubela, explicou que este proxecto “é moi ambicioso, pero confiamos e estamos a traballar arreo para que saia adiante, xa que trátase dunha zona privilexiada polas súas características e que conta cun elevado tirón e ademais o proxecto encaixa á perfección na nosa folla de ruta de apostar polo turismo, o medio ambiente e a paisaxe”. “Tan pronto como estea rematado o Plan Especial coñeceremos con exactitude todas as posibilidades desta preciosa praia fluvial e o orzamento necesario para as obras e poñerémonos a xestionar a súa consecución”, precisou o munícipe, que engadíu que o obxectivo final “é conseguir a mellor área de lecer fluvial da provincia e unha das mellores do norte de España para ofrecer un novo servizo de primeiro nivel aos veciños e un atractivo aos nosos visitantes”.

Deja un comentario