+034 986 09 02 04 Mércores 08 de Xullo de 2020

O PROGRAMA “DEPOEMPRENDE” CONTINÚA FORMANDO AO PROFESORADO DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA


 

Nestas accións formativas de xaneiro sobre o proxecto destinado ao fomento o emprendemento participarán 40 docentes de 18 centros educativos da provincia

O programa da Deputación de Pontevedra “DepoEmprende” continúa coas súas accións formativas para o profesorado. Durante este mes desenvolveranse dúas formacións presenciais que terán lugar os días 14 e 15 de xaneiro, na primeira delas participarán docentes de Educación Secundaria Obrigatoria e a segunda contará coa participación de profesoras e profesores de Educación Primaria e Educación Especial. En total serán 40 os docentes pertencentes a 18 centros educativos os que acudan a estes cursos enmarcados no programa “DepoEmprende”.

Estas accións formativas teñen como obxectivo tratar os contidos necesarios para informar e formar ao profesorado sobre como desenvolver o proxecto “DepoEmprende” nas aulas. A formación diríxese ao profesorado de forma diferenciada dentro das tres ramas do proxecto da Deputación de Pontevedra (“DepoEmprende” na Escola, ESO e FP) e desenvólvese de xeito presencial no CFR de Pontevedra e en liña a través da Plataforma de Teleformación da Deputación de Pontevedra. Estas accións formativas estanse levando a cabo dende o mes de outubro e finalizarán en maio. As e os participantes obterán un certificado destas horas formativas mediante un convenio de colaboración entre a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e a Deputación de Pontevedra.

Dende que se puxo en marcha “DepoEmprende”, no 2016, máis de 2.200 alumnas e alumnos de 41 centros educativos de 21 concellos da provincia participaron nas tres modalidades do programa. O obxectivo destes tres proxectos é fomentar o emprendemento como un dos factores clave nunha economía do coñecemento eliminando as barreiras que dificultan a transformación das ideas emprendedoras en proxectos concretos, promover a cultura emprendedora no marco do sistema educativo e impulsar que o alumnado sexa protagonista da súa propia aprendizaxe, cun traballo desde a práctica. Ao mesmo tempo, tamén favorece o desenvolvemento de competencias asociadas á comunicación, á análise do entorno físico, á creación, á convivencia, ás expresións culturais, ás matemáticas e ciencias e á alfabetización dixital.

Deja un comentario