+034 986 09 02 04 Domingo 19 de Xaneiro de 2020

NAVA CASTRO DESTACA O INCREMENTO DA OFERTA DE FORMACIÓN PRÁCTICA NAS OFICINAS DE TURISMO DA XUNTA DURANTE 2020


A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitaron as instalacións da oficina de Pontevedra, onde este ano se duplicará a oferta das prácticas tuteladas
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitaron hoxe a oficina de Turismo que a Xunta xestiona en Pontevedra, onde o Goberno autonómico reforzará este ano a oferta de formación práctica na antesala do Xacobeo 2021.

Así, como explicou a directora, a Consellería de Cultura e Turismo apostou este ano por este reforzo nas súas oficinas de turismo para dar resposta á positiva evolución da actividade turística que Galicia está a rexistrar nos últimos anos, garantir a excelencia na atención e apostar polo perfeccionamento profesional no eido turístico.

Deste xeito, das oito bolsas de formación que se ofertaron en 2019, pásase a 14 neste ano a través da convocatoria de bolsas aberta en decembro que se resolverá antes de maio. Este novo reparto suporá que na antesala do Xacobeo 2021 a Xunta duplica as bolsas formativas con dúas prazas en cada unha das súas na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

Tamén se permitirá a incorporación de catro persoas en prácticas en Santiago de Compostela: unha na Oficina de Turismo situada na praza de Mazarelos, dúas na oficina do Centro Internacional de Acollida ao Peregrino, e, como novidade, ofrecerase tamén unha bolsa para a oficina de turismo do aeroporto de Santiago de Compostela. En todos estes casos, a Xunta ofrece unha formación dunha duración máxima de cinco meses, incorporándose previsiblemente no mes de maio de 2020.

Destino urbano co mellor comportamento
Durante a visita, Nava Castro salientou a contribución da cidade de Pontevedra na positiva evolución turística de Galicia en 2019. De feito, e a falta de contabilizar os datos de decembro, os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) constatan que Pontevedra foi o destino urbano co mellor comportamento ao ser a cidade na que máis medrou a demanda turística, en concreto, un 13,6%.

Con incrementos en practicamente todos os meses, esta cidade demostrou tamén ser un destino cada vez máis desestacionalizado xa que os crecementos máis intensos os rexistrou -ademais de no verán- nos meses de abril, setembro e novembro, con subidas dun 25% na súa demanda turística.

Deja un comentario