+034 986 09 02 04 Mércores 08 de Xullo de 2020

MÁIS DE 300 MULLERES DA PROVINCIA REMATAN ESTA PRÓXIMA SEMANA ACCIÓNS FORMATIVAS DE “CONECTADAS”


Estes obradoiros de igualdade da Deputación de Pontevedra leváronse a cabo en once concellos da provincia

O programa da Deputación de Pontevedra “Conectadas” leva dende o mes de agosto poñendo en marcha accións formativas dirixidas a empoderar ás mulleres da provincia mediante a formación. Así, durante a terceira semana de xaneiro porase fin a un total de 19 obradoiros nos que participaron 324 mulleres e que foron realizados nos concellos de As Neves, Caldas de Reis, Cangas, A Estrada, Lalín, Redondela, Salvaterra de Miño, Vigo, Vila de Cruces, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

Máis polo miúdo, este luns 13 de xaneiro finalizarán os cursos de “Pilates” que a Asociación Mulleres Rurais Santa Lucía de Arco de Caldas de Reis e a Asociación de Mulleres Rurais de Codeseda da Estrada estaban a levar a cabo. O mesmo día tamén rematarán os obradoiros de “Cociña e alimentación. Hábitos saudables”, organizado pola ASPADEZA de Lalín, e “Iniciación ao patchwork”, levado a cabo por mulleres da AVCD de Consumidores e Usuarios de Lavadores de Vigo.

O vindeiro martes 14 de xaneiro clausurarase o curso de “Teatro” levado a cabo pola Asociación Santa María de Oiros de Vila de Cruces. Ademais, o próximo mércores 15 finalizará o obradoiro de “Ioga” organizado pola Asociación de Mulleres de Chapela Agarimo de Redondela. Do mesmo xeito, o vindeiro xoves 16 de xaneiro porase fin ao curso de “Pintura”, levado a cabo por mulleres da Asociación de Veciños Bolarqueiros de Noceda de Lalín, e ao de “Iniciación ao Patchwork”, realizado pola Asociación de Mulleres Rurais Eira de Vigo. O mesmo día tamén rematará o curso de “Alfabetización dixital II: Internet, correo electrónico, manexo da tableta, teléfono intelixente…” no que participaban veciñas das Neves a través da Asociación de Mulleres Rurais Chan dos Casteliños.

Será o próximo venres 17 de xaneiro cando rematen a maior parte destes obradoiros. Porase fin ao taller de “Risoterapia”, levado a cabo pola Asociación de Mulleres Escola Vella de O Hio de Cangas, “Pintura”, organizado pola Asociación Cultural Mulleres Rurais San Xurxo Vea da Estrada, e o de “Intelixencia emocional”, no que participaban integrantes da Asociación de Mulleres Rurais Avelina Valladares da Estrada. O mesmo día tamén se clausurarán os cursos de “Ximnasia de Mantemento” levados a cabo en Lalín pola Asociación Mulleres en Igualdade A Xesta e pola Asociación Mulleres de Soutolongo así como dous obradoiros de “Pilates”, un deles impartido grazas á Asociación de Mulleres Rurais e Consumidoras Abaleiña de Vilagarcía de Arousa e outro grazas á Asociación de Mulleres Rurais Amas de Casa Citania Baion de Vilanova de Arousa.

Do mesmo xeito, o vindeiro venres 17 de xaneiro tamén finalizarán os cursos de “Bricolaxe e reparacións no fogar”, impartido a mulleres da Asociación de Vecinos Nosa Terra de Alcabre de Vigo, e de “Cociña e alimentación. Hábitos saudables”, levado a cabo pola Asociación de Mulleres Rurais e Consumidoras de Trabanca Sardiñeira de Vilagarcía de Arousa. No marco deste “Conectadas 2019” tamén se porá fin o próximo sábado 18 ao obradoiro de “Iniciación ao scrapbooking” levado a cabo pola Asociación de Veciños de Cabreira-Xermen-Salvaterra de Salvaterra do Miño.

“Conectadas 2019” é un programa provincial que pon o acento na formación, desenvolvendo cursos e obradoiros sobre distintas cuestións para empoderar ás mulleres e dotalas das ferramentas necesarias para construír unha sociedade igualitaria. Amais, esta iniciativa busca favorecer as relacións interpersoais e intercambio de experiencias, contribuír a mellorar a súa empregabilidade e o seu mantemento no mercado de traballo, así como reducir a brecha dixital. Está dirixido a asociacións, federacións e fundacións que traballan para a promoción das mulleres, o seu desenvolvemento, o empoderamento feminino e a consecución da igualdade entre mulleres e homes.

Deja un comentario