+034 986 09 02 04 Mércores 15 de Xullo de 2020

O CONSELLEIRO DE CULTURA E O ALCALDE DE LALÍN INAUGURAN UNHA MOSTRA SOBRE O PERÍODO ARXENTINO DE MARUJA MALLO E LUÍS SEOANE


‘Creacións máxicas de medidas exactas, Maruja Mallo e Luis Seoane en Bos Aires’

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participou esta tarde no Museo Ramón María Aller na inauguración da mostra Creacións máxicas de medidas exactas, Maruja Mallo e Luis Seoane en Bos Aires (1936-1965). Unha exposición comisariada por Antón Castro e organizada polo Concello de Lalín co apoio da Xunta de Galicia, que ofrecerá a todo aquel que se achegue a este centro museístico unha escolma de 43 obras, 18 de Maruxa Mallo e 25 de Luis Seoane, ganduxada cun rigoroso discurso museográfico sobre o período arxentino de ambos creadores.

O titular de Cultura afirmou que se trata de dous dos principais artistas galegos de todos os tempos. Ao respecto, referiuse ás orixes bonaerense e viveirense de Seoane e Mallo, respectivamente, para a explicar que “se ben todos temos un lugar de nacemento, só uns poucos son patrimonio do mundo. Este é o caso destes dous galegos excepcionais”.

Ademais, Román Rodríguez destacou que esta mostra, que estará aberta até o vindeiro 13 de marzo, foi impulsada co gallo da celebración da que será a 52ª Feira do Cocido, á que se referiu como “unha das principais citas turísticas e de promoción gastronómica, non só de Galicia, senón de España”. E concluíu a súa intervención afirmando que a mostra supón “un extraordinario aliciente cultural e artístico para feira deste ano”.

Deja un comentario