+034 986 09 02 04 Domingo 19 de Xaneiro de 2020

ARRANCA A SEGUNDA EDICIÓN DO CONCURSO ‘PILABOT’ EN 150 COLEXIOS GALEGOS CO RETO DE SUPERAR AS TONELADAS RECOLLIDAS O ANO PASADO


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá o CEIP de Ponzos, en Ferrol, un dos primeiros centros nos que xa se pode empezar a recompilar pilas, baterías usadas e acumuladores
Hoxe comezou oficialmente a segunda edición do concurso escolar Pilabot, unha iniciativa para promover a recollida selectiva de pilas, acumuladores e baterías usadas entre os máis cativos e na que participan un total de 150 centros de primaria e secundaria de toda Galicia. Precisamente, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá o Colexio de Educación Infantil e Primaria de Ponzos, en Ferrol, un dos primeiros centros participantes en recibir os bidóns e as caixas individuais necesarios para facilitar a recollida ao alumnado.

Cómpre lembrar que este é o segundo ano que a Consellería de Medio Ambiente, en colaboración cos xestores de pilas autorizados en Galicia (Ecopilas, ERP e Ecolec), impulsan esta campaña dirixida ao eido escolar coa finalidade de concienciar ás novas xeracións sobre o impacto medioambiental deste tipo de residuos. De feito, tal e como lembrou a conselleira, unha soa pila de botón das antigas pode contaminar ata 600.000 litros de auga, o que equivale ao consumo de 30 persoas durante toda a súa vida. Por iso, resulta primordial que se depositen no colector correspondente para darlles o tratamento axeitado.

Durante as próximas seis semanas, Ángeles Vázquez explicou que o alumnado do colexio de Ponzos, coa axuda e supervisión dos seus profesores, poderá depositar nos lugares habilitados no propio centro todas as pilas, acumuladores e baterías usadas que sexan capaces de recompilar. O reparto do material, que inclúe tamén carteis e merchandising vencellados á campaña, comezou hoxe e farase de forma progresiva ata o 14 de febreiro na totalidade dos centros participantes.

A actividade central desta segunda edición de Pilabot volverá ser o concurso escolar de reciclaxe, de forma que os centros competirán entre si para acadar as mellores cifras de recollida de pilas de Galicia. A campaña prolongarase ata o 31 de marzo e os alumnos e os colexios que consigan recuperar a maior cantidade de residuos serán os gañadores. En total, repartiranse 7.500 euros divididos en catro premios e dúas categorías, que deberán destinarse á compra de material escolar e deportivo ou a organizar actividades educativas.

Paralelamente ao concurso, tamén está previsto que se celebren charlas educativas en 50 centros escolares para ofrecer información e organizar actividades participativas sobre a campaña e a correcta reciclaxe e xestión das pilas.

Así mesmo, volverá convocarse un concurso de fotografía creativa dirixido aos alumnos dos 150 centros participantes. Baixo o lema #eusonpilabot, a inscrición no certame abrirase a partir do 17 de febreiro e entre todas as fotografías que se reciban, premiarase ás tres mellores instantáneas.

Balance da anterior edición
Durante a primeira convocatoria de Pilabot, o curso pasado, recolléronse entre todos os colexios participantes preto de 44 toneladas de pilas, acumuladores e baterías usadas, unhas cifras espectaculares xa que representan case a quinta parte das 230,5 toneladas recuperadas en 2018 en toda a comunidade autónoma.

Nesta segunda edición, o obxectivo da Xunta é igualar ou mesmo superar os bos resultados do curso pasado, ao tempo que se afonda na concienciación dos nenos sobre a importancia da reciclaxe e a recollida selectiva dos residuos. Por iso, Ángeles Vázquez aproveitou a súa visita para animar aos alumnos do CEIP de Ponzos e dos outros 149 colexios inscritos a recompilar desde xa “todas as pilas gastadas” que atopen nas súas casas e depositalas nos seus centros. “Unha pila pode parecer a simple vista unha cousa moi pequena e inofensiva pero son un dos residuos máis contaminantes que xeramos nos nosos fogares”, subliñou.

Cómpre lembrar, ademais, que as pilas, cargadores e baterías están presentes en toda clase de dispositivos e que o seu uso vai en aumento, xa que cada vez se utilizan máis aparellos electrónicos. En todo caso, a conselleira indicou que nos últimos anos tense detectado tamén un incremento notable da concienciación da poboación galega con respecto ao tratamento das pilas. Segundo as últimas cifras dispoñibles de 2018, en Galicia a recollida destes residuos aumentou un 25% na última década e un 8% con respecto a hai tres anos.

Deja un comentario