+034 986 09 02 04 Xoves 09 de Xullo de 2020

ROSARIO ÁLVAREZ E ESDEMGA, GAÑADORES DOS PREMIOS CIDADE DE PONTEVEDRA


A decisión do xurado foi por unanimidade. ‣ Entregaranse nun pleno extraordinario o vindeiro 20 de xaneiro, coincidindo co día de San Sebastián, patrón da cidade
O xurado dos premios Cidade de Pontevedra acordou esta mañá galardonar a Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, na categoría de persoa física, e á Escola de Deseño e Moda de Galicia (Esdemga) na categoría de persoa xurídica. A decisión do xurado, no que están representados membros dos grupos políticos municipais, da prensa local e do sector cultural, foi por unanimidade. Os premios serán entregados nun pleno extraordinario que se celebrará o vindeiro 20 de xaneiro no Teatro Principal. Rosario Álvarez Pontevedresa de nacenza, desenvolveu a súa mocidade na ruela da Fonte dos Tornos onde tiña a casa familiar; na praza do Teucro, cos amigos e amigas do club xuvenil Lambrica; no instituto de Bacharelato da Avenida de Montero Ríos e máis adiante nas páxinas da revista Teima; nas aulas da Universidade de Santiago de Compostela onde exerce a cátedra e asumiu labores de xestión no goberno da institución; nas campañas de investigación de campo de Atlas Lingüístico de Galicia da que foi unha das primeiras animadoras, e dende hai poucos meses na presidencia do Consello da Cultura Galega, primeira muller que ocupa tal responsabilidade.
Gabinete de Comunicación. Alcaldia comunicacion2@pontevedra.gal www.pontevedra.gal
Esdemga Os estudos de moda levan 20 anos colocando a Pontevedra no panorama internacional ao máis alto nivel. Polas súas aulas teñen pasado alumnas e alumnos, guiados por unha excepcional equipo docente. No afán de conexión de Esdemga coa cidade, desenvolve entre outras moitas actividades o desfile final Debut, onde se pode ver o traballo que se realiza cada ano valorado, ademais, por xurados internacionais do máis elevado prestixio. Os titulados e tituladas están presentes habitualmente nas principais pasarelas e forman parte dos equipos directivos dunha extensa listaxe de firmas de moda. Un brillante percorrido de 20 anos, merecedor deste galardón.

Deja un comentario