+034 986 09 02 04 Domingo 19 de Xaneiro de 2020

O CONCELLO REMATA A MELLORA VIARIA INTEGRAL DAS CERDEIRAS COA PAVIMENTACIÓN DA SÚA TRAMA INTERNA DE PISTAS E DA CONEXIÓN COA PO-221


Investíronse preto de 50.000 euros nesta obra, a derradeira do pasado exercicio, para modernizar máis dun quilómetro da rede municipal

O Concello de Moraña vén de rematar as obras do proxecto de mellora viaria integral do lugar das Cerdeiras, na parroquia de San Lourenzo, que incluíu a renovación do firme da súa trama interna de pistas e da conexión coa estrada autonómica PO-221, que se dirixe cara o municipio veciño de Campo Lameiro.
Esta obra, que foi a derradeira do Plan de Obras 2019, contou cun investimento de preto de 50.000 euros para a renovación completa da pavimentación da calzada en diversos treitos que suman conxuntamente 1.025 metros de lonxitude.
A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, que se achegou ata a aldea para supervisar o resultado final destes traballos, amosou a súa satisfacción pola obra e destacou o bo nivel de servizos públicos cos que conta este lugar, ao que tamén se dotou recentemente da rede de saneamento coa súa correspondente Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) no marco dun proxecto de cooperación con Campo Lameiro e cofinanciado pola Xunta que tamén beneficiou ao lugar de Rozas.
Finalmente, e ao remate desta visita, a rexedora destacou o “elevado ritmo inversor” en infraestruturas viarias desenvolvido ao longo do último ano en todas as parroquias de Moraña e anunciou que o goberno local pretende seguir coa mesma liña. Neste senso, indicou que a mellora viaria e peonil en Chan de Amil, cun investimento de 253.000 euros cofinanciado polo Plan Deporemse, vai ser a primeira actuación destas características no presente ano.

Deja un comentario