+034 986 09 02 04 Venres 15 de Novembro de 2019

Cores Tourís visitou Oia para manter un primeiro encontro institucional coa nova alcaldesa da localidade


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra púxose a disposición de Rosa María Otero con quen departiu sobre temas a boa marcha do novo centro de saúde e a necesidade de colaboración do concello tanto no mantemento dos centros educativos como no proxecto para frear as enchentes do río Seco

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou o concello da Oia dentro da rolda de visitas institucionais que acaba de iniciar hoxe cos concellos que contan, dende o pasado 24 de maio, con novos alcaldes e alcaldesas dentro do ámbito de actuación da Delegación Territorial de Pontevedra.

O delegado territorial visitará así, a ritmo de dous concellos por día, as 18 novas corporacións que variaron de rexedor nas últimas eleccións municipais, dentro dos 48 concellos que dependen da Delegación Territorial de Pontevedra. Tal e como asegurou José Manuel Cores Tourís, “quero falar cos rexedores e rexedoras co obxectivo de coñecer cales son as súas demandas e proxectos para os próximos meses”.

Durante a súa primeira visita, José Manuel Cores Tourís púxose a disposición de Rosa María Otero co obxectivo de seguir a executar os proxectos xa iniciados coa administración autonómica, así como con todo o que dependa da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra.

Entre os temas que se analizaron esta mañá atopouse o bo ritmo de execución do novo centro de saúde que se está a construír na localidade e que supón un investimento de máis dun millón de euros. Segundo puido trasladarlle Cores Tourís á alcaldesa, as obras estanse a levar a cabo dentro do prazo previsto e agárdase así que estean listas no próximo mes de novembro.

Tamén deu traslado o delegado territorial á alcaldesa da situación do proxecto para a resolución dos problemas das enchentes do río Seco. Cores Tourís avanzou que o proxecto está practicamente rematado e recordoulle a Rosa María Otero que as obras poderían executarse antes de finais de ano “sempre que o concello colabore e negocie cos veciños os terreos necesarios para a conclusión das obras xa que se necesitan varias parcelas privadas para a creación dun pontón na desembocadura do río”.

O delegado territorial da Xunta tamén recordou a alcaldesa a colaboración da administración autonómica nas melloras dos centros educativos deste municipio nos que se investiu 110.000 euros nos últimos anos, explicándolle que, ademais, debe ser o municipio quen leve a cabo as tarefas de mantemento dos mesmos “para evitar danos maiores por acumulación de lixo e follas nos canlóns e tellados dos colexios”. En canto ao saneamento, Cores Tourís tamén recordoulle a rexedora que trátase dunha competencia municipal.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra non quixo rematar o encontro sen recordarlle a nova alcaldesa a implicación da administración autonómica no concello de Oia, lembrando os 295.000 euros destinas a obras de emerxencia nos nos ríos Sobral, Broi, Tamuxe e río Seco; o soterramento das liñas eléctricas nas rúas Laures e Vicente López; a reforma da antiga Casa Consistorial como nova oficina de Turismo; a execución por 9,3 millóns de euros do itinerario ciclista entre Baiona e A Guarda e dun depósito municipal de abastecemento en Santa María de Oia por 358.000 euros.

Deja un comentario