+034 986 09 02 04 Domingo 24 de Xaneiro de 2021

MORAÑA AGARDA POLO CESE DAS CHOIVAS PARA REALIZAR O ASFALTADO CO QUE REMATARÁ O CIRCUÍTO PUMP-TRACK NO BUELO


O recinto, que queda integrado no terreo nun espazo de 500 metros cadrados, terá 211 de zona de rodadura, un metro de altura e 4 curvas

O Concello de Moraña está a piques de rematar as obras de construción dun Circuíto
Pump-Track, unha moderna instalación de lecer orientada a bicicletas de montaña
(MTB) e á práctica de deportes de inercia e que se empraza nas inmediacións do
campo de fútbol e da pista multideporte do Buelo. En concreto, toda a estrutura, cos
seus saltos e curvas, xa está determinada e só resta agardar a que cesen as choivas
previstas para esta semana para proceder ao asfaltado e a outros pequenos detalles
para rematar con este recinto.
Esta actuación, que ten un orzamento de 45.631 euros e está a ser executada pola
empresa Galitec, recibíu unha nova visita da alcaldesa, Luisa Piñeiro, que comprobou
os avances das obras e amosou o seu obxectivo de que se conclúa neste mes de
xaneiro agás que o impida a meteoroloxía.
O recinto levantouse cunha intervención mínima e queda perfectamente integrado
no terreo, xa que se aproveitaron as pendentes existentes e ademais non ten unha
altura excesiva, cifrada en 105 centímetros. Polo demais, as obras de construción xa
realizadas consistiron no deseño do circuíto empregando zahorras compactadas
sobre as que, cando cesen as precipitacións, se disporá dunha capa de aglomerado
asfáltico cunha posterior terminación de slurry para favorecer a circulación e o
agarre de bicicletas, patíns e similares.
O circuíto, ao que se accede a través da rotonda da rúa número 7, sitúase nun espazo
de case 500 metros cadrados, dos que 211 son para a zona de rodadura, 138 para
taludes e 130 para as illas interiores. Contará con catro curvas, dúas delas de 180
graos e as outras de 90, e estará realizado con materiais de primeira calidade con
marcado CE para garantir a seguridade.

Deja un comentario