+034 986 09 02 04 Venres 28 de Febreiro de 2020

CERDEDO-COTOBADE AMPLÍA A REDE DE ÁREAS INFANTÍS COA CONSTRUCIÓN DO NOVO PARQUE DE VALONGO


Disporá de catro grandes elementos de xogo, solo de caucho e peche perimetral e incluirá melloras cunha fonte, canalizacións e farolas

O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de iniciar a derradeira fase do plan de creación e mellora de parques infantís, que pretende ampliar novamente a rede de áreas recreativas para cativos, coas obras de construción dunha nova instalación de xogos para os nenos no lugar de Igrexa, na parroquia de Valongo. Esta actuación, que está a ser executada pola empresa Bahía Park, conta cun orzamento de 42.082 euros.

A firma procedeu a desmontar os tres vellos xogos existentes xunto á Casa do Pobo –xa que posiblemente se reciclen no futuro– e está a construír un novo parque con solo de caucho, peche perimetral e catro elementos de xogo consistentes en muelles individual e dobre con balancín, xirocóptero, bambán dobre mixto e conxunto modular compacto con tobogán. Ademais, estanse preparando os accesos, a sinalización e a dotación de bancos e papeleiras. O novo parque, definido como unha zona de lecer para nenos de 3 a 14 anos, quedará rematado nas vindeiras semanas e logo gozará dunha garantía, por parte da adxudicataria, de 48 meses.

Así mesmo, a empresa tamén vai acometer as tres melloras incluídas no prego deste concurso público, que se centran na subministración dunha fonte, a instalación de tubarías e canalizacións de evacuación de augas e a colocación de dúas farolas.

“Seguimos cumprindo cos nosos compromisos e xa estamos na fase final do plan de parques infantís, que agora chega merecidamente a Valongo para que os cativos desta zona poidan gozar dunha zona chea de xogos e homologada para o seu lecer”, explicou o alcalde, Jorge Cubela, que destacou ademais que a ubicación deste novo recinto “é idónea porque está nunha parcela céntrica, o que favorece o seu uso, e ademais está acotada e alonxada da pista, o que outorga unha maior seguridade”.

Cómpre sinalar que o Concello construíu ou renovou de xeito integral ata sete parques nos dous últimos anos en Viascón, Santa María de Sacos, Borela, Vilanova, Caroi, Carballedo e Cerdedo e agora afronta a fase final deste plan con esta actuación en Valongo e, máis adiante, o futuro parque de Tenorio e unha pequena zona de xogos en Cutián.

Deja un comentario