+034 986 09 02 04 Xoves 06 de Agosto de 2020

A CORPORACIÓN MUNICIPAL DO CONCELLO DE CAMPO LAMEIRO APROBA UNS ORZAMENTOS MUNICIPAIS QUE ACADARÁN A CIFRA DE 1.954.901 EUROS, CUN AUMENTO DO 40% EN MATERIA SOCIAL


O equipo de goberno que preside Carlos Costa aposta tamén por incrementar un 40% a partida de Cultura que recuperará este ano a Festa dos Mozos e creará a da Prehistoria

A Corporación do Concello de Campo Lameiro, que preside o popular Carlos Costa, aprobou cos votos favorables do PP e do PSdeG-PSOE os orzamentos municipais para este ano 2020 por un importe total de 1.954.901 euros e que teñen como dato máis salientable o aumento do 40% en materia social pasando a destinar a este concepto un total de 147.650 euros.

Outro dos aspectos salientables das novas contas municipais para o presente exercizo que agora comeza será o aumento doutro 40% para o departamento de Cultura quen será encargado de revitaliza-lo municipio e a participación cidadá a través da recuperación da popular Festa dos Mozos, que terá lugar o primeiro domingo do mes de setembro, e a creación da Festa da Prehistoria para reivindicar e por en valor o atractivo turístico, económico e cultural que supoñen os petróglifos que fan de Campo Lameiro a capital galega da arte rupestre.

Outra das novidades que presentan as contas municipais será o aumento dun 10% na bonificación do Impuesto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) que pasará ao 60% facilitando deste xeito a reactivación no tocante á obra civil e tamén para facilita-la instalación de novas empresas no municipio así como no polígono industrial coa adhesión ao convenio da Fegamp, o que supón importantes rebaixas nos impostos municipais para aquelas empresas que se instalen en Campo Lameiro.

Finalmente, o orzamento municipal aprobado pola Corporación Municipal prevé a rebaixa da taxa de recollida do lixo dun 10% e a conxelación do resto dos impostos e taxas municipais, unha medida que vai acompañada dun modelo de xestión caracterizado polo control do gasto público e a eficiencia na aplicación orzamentaria dos distintos capítulos de investimento e gasto municipal.

O alcalde, Carlos Costa cualificou estes orzamentos de “realistas e perfectamente axustados ás necesidades de funcionamento e prestación de servizos aos nosos veciños e veciñas que son a prioridade que temos como equipo de goberno. Estes orzamentos saen adiante grazas á capacidade de diálogo e de integración de iniciativas, ideas e propostas da cidadanía e tamén da oposición coa intención de crear unha base que favoreza e incentive a participación cidadá e que ao mesmo tempo cumpla con todas e cada unha das expectativas que teñen todos e cada un dos lugares e parroquias que conforman o concello de Campo Lameiro”.

Costa defendeu este documento económico como “un elemento vivo que nace coa idea de dar resposta clara ás demandas e peticións feitas polos cidadáns e aos compromisos adquiridos durante a pasada campaña electoral. Adaptaremos ás necesidades das persoas a forma de xestionar este Concello facendo prioritario solventar calquera situación de necesidade ou desatención que poda padecer calquera veciño ou veciña e tendo en conta ás familias que por circunstancias da vida estean en situación de risco de exclusión social. Estes son uns orzamentos con clara vocación social e de dinamización sociocultural e turística do noso concello”, indicou o alcalde Carlos Costa.

Deja un comentario