+034 986 09 02 04 Sábado 29 de Febreiro de 2020

MOS E AFAGA FORMALIZAN A CESIÓN DO USO DA ANTIGA CASA REITORAL DE PETELOS Á ASOCIACIÓN


A alcaldesa, Nidia Arévalo, e Juan Carlos Rodríguez en representación da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia, asinaron esta mañá no Concello o convenio de colaboración

Esta mañá a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e Juan Carlos Rodríguez Bernárdez, en representación de AFAGA, asinaron no salón de sesións do Concello de Mos o convenio para a concesión das instalacións integrantes da antiga Casa Reitoral de Petelos a favor da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia.
A cesión do uso a AFAGA outórgase para a atención das persoas maiores.
Como é sabido o Concello acometeu fai anos obras de restauración e acondicionamento do edificio aos efectos de poder destinalo ao citado de fin de atención a maiores.
O Pleno da Corporación Municipal do Concello de Mos do pasado mes de novembro (luns 25 de novembro para ser exactos, en sesión ordinaria) acordou a concesión demanial directa a AFAGA. Esta concesión directa ven ligada á notoria aportación da Asociación á comunidade en materia social, a súa defensa da mellora das condicións de vida dos maiores, fomento do Desenvolvemento cultural e social, potenciación dos principios de solidariedade, igualdade, xustiza e liberdade, promoción e dereito á saúde dos maiores, etc.
O sistema é de concesión demanial directa, toda vez que se trata dunha asociación sen ánimo de lucro, que realiza fins de interese xeral. A concesión do uso é ademais con carácter gratuíto. Terá unha duración de seis anos a contar desde a sinatura do convenio.
Os programas que se levarán a cabo nas instalacións da antiga Casa Reitoral de Petelos adicada a enfermos de Alzheimer e outras demencias abordarán a prevención da dependencia dos usuarios, a atención e asesoramento ós mesmos, a estimulación cognitiva e funcional, e a atención psicolóxica tanto a enfermos coma ós seus familiares e/ou coidadores.
Os obxectivos que se perseguerán dende dita área son a mellora da calidade de vida dos enfermos de demencias neurodexenerativas e dos membros do seu entorno, o mantemento da autonomía e a independencia persoal durante o maior tempo posible, a mellora do estado físico-emocional do coidador, o adestramento das capacidades cognitivas do enfermo, a información e asesoramento ás familias sobre Recursos Sociais, e a realización de actividades de prevención do deterioro físico e cognitivo.
As instalacións atenderán a beneficiarios directos e indirectos. Os beneficiarios directos serán maiores e/ou persoas con diagnóstico de Alzheimer ou outro tipo de demencia en fase leve ou leve-moderada. E os beneficiarios indirectos serían os familiares e/ou coidadores dos usuarios directos e todas aquelas persoas que desexen recibir algún tipo de orientación ou asesoramento.

Deja un comentario