+034 986 09 02 04 Venres 28 de Febreiro de 2020

A XUNTA EMPRENDE UN NOVO INVESTIMENTO NAS VÍAS RURAIS COA RENOVACIÓN DA PISTA DE CABANELAS EN DIRECCIÓN A TENORIO


O executivo galego adica preto de 50.000 euros a esta actuación, que beneficiará a un treito de 855 metros coa reposición integral do firme

A Xunta de Galicia está a emprender un novo investimento nas vías rurais do Concello de Cerdedo-Cotobade co inicio das obras de renovación da pista de Cabanelas, na parroquia de Viascón, que se dirixe cara a zona de Tenorio polas proximidades do lugar da Costa. Con motivo do arranque destes traballos, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; o alcalde, Jorge Cubela; e o concelleiro de Viascón, Javier Lois, fixeron unha visita á zona para analizar in situ certos detalles do proxecto na súa fase inicial.

Esta actuación, impulsada polo executivo galego ao abeiro dos plans de mellora de camiños rurais, conta cun investimento de 47.136 euros e a empresa adxudicataria, Excavaciones y Construcciones Manuel Pérez Portela, xa executou unha completa limpeza da plataforma da calzada e ten previsto continuar coa súa regularización e coa dotación dunha nova capa de rodadura tan pronto como cesen as choivas.

O proxecto consiste na mellora integral do firme nun treito desta estrada con 855 metros de lonxitude, que se extenderá polos 4,5 metros de anchura existentes nos primeiros 171 metros da vía e polos 4 con que conta no espazo restante. En concreto, xa se realizou a limpeza de gabias e agora, cando o permita o tempo, vaise regularizar a plataforma coa supresión de todos os baches e vaise dotar dunha nova capa de rodadura con aglomerado en quente con cinco centímetros de groso na superficie total da calzada, que supera os 3.500 metros cadrados.

O rexedor local quixo agradecer a “constante colaboración e especial sensibilidade” da Xunta de Galicia coas necesidades do Concello de Cerdedo-Cotobade, especialmente en materia de vías e infraestruturas, “que é un aspecto fundamental para a mobilidade e a seguridade de condutores e veciños e no que, grazas ás aportacións do executivo galego, estamos sempre actuando para ter a nosa ampla rede viaria nas mellores condicións”. Neste caso, Cubela detallou que esta mellora da pista de Cabanelas correspóndese coa primeira fase da actuación nunha estrada que ten dous quilómetros e adiantou que vanse solicitar subvencións e sumarse a ordes de axudas para completar posteriormente os outros dous treitos.

Deste modo, seguirase completando o plan de investimentos da parroquia de Viascón tras a construción do parque infantil, a reforma da Casa do Pobo e a dotación dunha ampla rede de canalizacións de augas realizadas o pasado ano.

Deja un comentario