+034 986 09 02 04 Mércores 20 de Novembro de 2019

Feijóo garante a disposición da xunta a colaborar co concello de Vigo para abordar proxectos prioritarios para a cidade como a estación intermodal, a cidade da xustiza ou a construción de máis vivendas sociais


Destaca o ”bo ton” do encontro que, segundo dixo, vai servir para “concretar as posibilidades de acción futura” e se enmarca dentro dunha rolda de contactos que manterá nas vindeiras semanas cos alcaldes das principais cidades de Galicia

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, manifestou hoxe a disposición da Xunta a colaborar co Concello de Vigo para “seguir traballando pola cidade” e abordar proxectos prioritarios como a estación intermodal, a Cidade da Xustiza ou unha segunda urbanización de vivendas de protección autonómica en San Paio de Navia. Así o manifestou hoxe logo da xuntanza que mantivo este mediodía co alcalde de Vigo, Abel Caballero.

O mandatario galego destacou o ”bo ton” do encontro que, segundo dixo, vai servir para “concretar as posibilidades de acción futura” e se enmarca dentro dunha rolda de contactos que manterá nas vindeiras semanas cos alcaldes das principais cidades de Galicia.

Feijóo recoñeceu que esta reunión “marca unha folla de ruta en bastantes temas, algúns deles de calado” para Vigo, e que o Goberno galego vai seguir traballando en coordinación cos concellos, buscando “unha maior colaboración posible para ir máis rápido nos temas que aínda quedan en axenda”.

Así, asegurou que no caso de Vigo, a Xunta manterá o mesmo esforzo investidor dos últimos anos, xa que se trata da cidade onde máis investiu a Administración autonómica desde o 2009 ata o ano 2015, lembrou, e engadiu: “A Xunta vai seguir completando o traballo feito nestes últimos anos e vai seguir mellorando os servizos públicos e as capacidades industriais da cidade”, para “seguir traballando por Vigo e sendo útiles aos cidadáns de Vigo”.

Compromiso social, con máis vivendas de protección autonómica
En relación aos asuntos tratados na xuntanza, o presidente galego destacou que trasladou ao alcalde a decisión da Xunta de proceder á segunda urbanización de Navia, para construír 1.000 vivendas de protección autonómica, ao tempo que solicitou con carácter inmediato as parcelas para construír outras 40 vivendas de promoción pública.

No relativo á Cidade da Xustiza, indicou que en canto o Concello poña o terreo a disposición da Xunta comezará o proxecto e licitarase a obra, que acadará un importe superior aos 20 millóns de euros, precisou.

E, no que se refire á estación intermodal, Feijóo trasladou a decisión da Xunta de que Vigo poida ser a primeira cidade de Galicia cunha estación intermodal, polo que adiantou que se constituirá unha comisión técnica para estudar a súa conectividade co sistema viario. Deste xeito, confiou en que, unha vez que se está redactando o proxecto construtivo, no ano 2016 poida licitarse e iniciarse esta obra.

No eido dos servizos sociais, adiantou que convidou ao Concello a colaborar co Plan de loita contra a desigualdade económica, para que se sume ao compromiso da Xunta de axudar ás familias con menos recursos. E ao respecto, engadiu que na xuntanza tamén lle prantexou a Caballero a necesidade de axilizar a tramitación da Risga no que corresponde aos concellos para facilitar que as persoas con dereito a esta axuda poidan acceder a ela con maior rapidez. Neste contexto, no ámbito educativo, prantexou ademais a necesidade de ampliar o CEIP Alfonso Rodríguez Castelao, e o IES Carlos Casares.

O hospital público mellor dotado e con maior capacidade
Canto ao hospital, que acaba de iniciar o traslado das consultas externas, sinalou que nos vindeiros meses continuarase coa área de hospitalización, e coas urxencias, e que solicitou ao Concello que facilite todas as conexións de autobús precisas para facelo máis accesible. Sobre o laboratorio concretou que haberá dous, un no hospital Nicolás Peña e outro, para toda a área, no hospital do Meixoeiro, conforme ao previsto; ao igual que co párking, que funcionará de xeito semellante ao de outros hospitais do Sergas.

É, agregou, o maior hospital público que nunca se fixo en Galicia por parte da Administración Autonómica, e supón o complexo hospitalario mellor dotado de Galicia en termos de equipamento e de capacidade de hospitalización e tecnoloxía, remarcou.

Tamén no eido das infraestruturas destacou que a Xunta está a construír a infraestrutura hidráulica máis grande en Galicia e na cornixa cantábrica que é a depuradora, que se poderá entregar no 2016. Noutros asuntos como o túnel de Beiramar e o de Xulián Estévez, indicou que o Goberno galego está disposto a colaborar en ambas as dúas infraestruturas unha vez que o Concello reprantexe o seu proxecto. E no traspaso de estradas autonómicas, hai unha serie de estradas que a Xunta acondicionou para que poidan se transferidas ao Concello.

Feijóo relatou que no caso da área metropolitana de Vigo, a proposta do Concello e unha vez que remita o texto, revisarase a lei de área metropolitana de Barcelona para contrastar ambas as dúas normativas.

Tamén en materia de aeroportos, reiterou que se non hai un comité de coordinación e uns criterios de coordinación asumidos polos concellos a Xunta vai seguir polo mesmo vieiro que ata o de agora, sen aprobar axudas con cargo a fondos autonómicos; se ben instou ás cidades a buscar un acordo.

Sobre a conca do Lagares, cuxa competencia quere o Concello, a Xunta prantexou avaliar a posibilidade dunha delegación de competencias mantendo a supervisión por parte da Administración autonómica; e no tocante ao acondicionamento do estadio de Balaídos, amosou a disposición da Secretaría Xeral para o Deporte a concretar, dentro do convenio, os flecos do Concello.

Deja un comentario