+034 986 09 02 04 Martes 19 de Novembro de 2019

Feijóo destaca o esforzo que está a relizar a Xunta por modernizar e incrementar os recursos humanos na Administración de Xustiza


Destaca que este ano a Xunta investiu 120 millóns de euros, un 6 por cento máis que en 2014, na mellora das infraestruturas xudiciais galegas

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe o esforzo que está a realizar a Xunta de Galicia para modernizar a planta xudicial galega e incrementar os recursos humanos na Administración de Xustiza, na busca dunha maior independencia no seu funcionamento.

Feijóo manifestou o compromiso da Xunta por facer esta tarefa máis doada; por un lado, achegando “máis vías de actuación” como o Plan de impulso democrático, e, por outro, dotando a planta xudicial de “máis instrumentos” a través dunha folla de ruta iniciada en 2009 para modernizar o funcionamento diario dos xulgados galegos.

O mandatario autonómico presidiu esta tarde a sinatura do convenio entre o Consello Xeral do Poder Xudicial, a Xunta de Galicia e a Deputación Provincia da Coruña relativo á ‘Escola de Verán do Poder Xudicial. Programa de formación continua dos integrantes da carreira xudicial para o ano 2015’, onde destacou que este ano a Xunta investiu 120 millóns de euros, un 6 por cento máis que en 2014, na mellora das infraestruturas xudiciais galegas.

Incorporar os últimos avances tecnolóxicos
Feijóo subliñou que se teñen priorizado os recursos tecnolóxicos renovando o equipamento informático, incorporando sistemas de videoconferencia e grabación nas salas de vistas, ou mediante o envío e presentación telemática de notificacións, escritos e demandas a través do programa Lexnet.

Medidas, proseguiu, nas que a Xunta leva investido nestes cinco anos máis de 30 millóns de euros, e que arroxan resultados como que en Galicia se teñen enviado máis de 10 millóns de notificacións a través de Lexnet; ou que desde que hai seis meses se puxo en marcha nas provincias de Pontevedra e A Coruña a posibilidade da presentación telemática, son case 100.000 escritos e máis de 10.000 demandas as que se teñen rexistrado.

Son progresos significativos, dixo o presidente da Xunta, aos que se sumará a implantación do Expediente xudicial electrónico, ou a posta en marcha da Sede electrónico dixital, que son os obxectivos do vindeiro Plan Senda 2020, en cuxo deseño están colaborando representantes do Poder Xudicial, lembrou.

Formación continua
Sobre este organismo, apuntou precisamente que a XVIII edición da Escola de Verán demostra que se ten consolidado como referente para a formación continua e especializada dos membros da carreira xudicial, e proba que a súa aposta por actualizarse é “determinada e constante”, concluíu.

Deja un comentario