+034 986 09 02 04 Mércores 08 de Xullo de 2020

Conde destaca a colaboración público-privada para facer do novo viveiro industrial de Mos un motor da economía local


Destaca que Mos forma parte dos Concellos Emprendedores, que buscan facilitar os investimentos empresariais con máis simplificación administrativa, máis facilidades de acceso ao solo industrial e máis incentivos fiscais

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe, acompañado pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, na presentación do novo viveiro industrial de Mos, na que cooperan o Concello e a Asociación de empresarios de Mos (AEMOS) co apoio da Xunta, e que, cun investimento de preto de 300.000 euros, permitirá ofrecer novos servizos a emprendedores e empresas. Conde destacou hoxe a colaboración público-privada para facer do novo viveiro industrial de Mos un motor da economía local.

Na súa intervención, Conde salientou o labor que desenvolve Aemos, e destacou que Mos forma parte dos Concellos Emprendedores, un distintivo co que contan un total de 131 municipios de toda Galicia, 20 deles na provincia de Pontevedra. Estes concellos benefícianse das vantaxes de formar parte desta iniciativa que busca facilitar o investimento empresarial, entre as que se inclúen máis simplificación administrativa á hora de poñer en marcha un novo negocio; máis facilidades de acceso ao solo industrial e máis incentivos fiscais para o seu tecido empresarial.

O feito de que Mos sexa Concello Emprendedor facilitou que Mos puidese acceder aos fondos destinados á posta en marcha de viveiros industriais, e serviu, tal e como apuntou Francisco Conde, para propiciar que a planta de Benteler se instalase na localidade, cun investimento de 20 millóns de euros e xerando 175 novos postos de traballo.

A Xunta mantén o seu compromiso coa mellora das infraestruturas e os servizos dos parques empresariais galegos e esta mesma semana publicará no Diario Oficial de Galicia tres convocatorias de axudas cun orzamento global de 7,9M€ cos que se agarda mobilizar preto de 10M€ e apoiar unha trintena de iniciativas. A principal novidade é a oferta dunha nova liña de apoios para o reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica (ampliación de potencia da subministración eléctrica) á que se destinarán 4,4M€ entre 2020 e 2021. Ademais, a Xunta volverá convocar as axudas destinadas á mellora das infraestruturas dos parques industriais cun orzamento de 2,5M€, e o programa para financiar a creación de viveiros industriais, no que se investirá un millón de euros.

Deja un comentario